EDUCACIÓN

Os gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal aseguran o futuro da literatura galega

16/12/2010 No ano no que se cumpren 115 anos do nacemento de Ánxel Casal, o Salón Nobre do Concello acolleu a entrega da XV edición do premio literario que leva o nome deste ilustre galeguista. Esta convocatoria destacou pola alta calidade dos traballos presentados, especialmente no campo da poesía, tal como resaltaron os membros do xurado.

O primeiro premio na modalidade de poesía foi para Afonso Francisco Traficante Fernández, do IES Nª1 de Ordes (A Coruña), co título Nós Corredíos. Dos seus poemas, o xurado destacou "a ambición conceptual e estrutural", así como "a capacidade do seu autor para xogar coa linguaxe e co espazo do poema, así como para salferir os versos con acedas pingas de irreverencia e humor dende a súa advertencia inicial aos lectores accidentais".

Nesta categoría, o segundo premio recaeu en José Ismael Ramos Castelo, do IES Virxe do Mar, de Noia, co título Capricho (poesía existencial demasiado azucrada). O xurado valorou "a destilación poética dos seus versos, que trocan o poema nun concentrado lírico que e recomendable beber a grolos e o diálogo consciente do seu autor con outros poetas contemporáneos, asumindo que quen crea, recrea".

Tal foi a calidade dos traballos que o xurado quixo conceder unha mención especial a Jesús Castro Yánez, do IES Pedregal de Irimia, de Lugo, co título Paxarotempos. O recoñecemento nace do "acertado manexo do contrapunto poético por parte do seu autor e a introdución de interesantes notas humorísticas nos seus versos cun sabio manexo da caligrafía poética, así como un magnífico tratamento do espazo lírico".

Teatro
Lara Porto Mato, do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago, gañou na modalidade de teatro grazas á súa obra Sagrada Familia. O comentario do xurado fala do "tratamento dun tema de tanta actualidade coma o do abuso a menores e o seu eficaz desenvolvemento dramático, que nos revela as miserias dunha sociedade cada vez máis dominada polos prexuízos, a hipocrisía e a falsidade". O segundo premio declarouse deserto.

Conto
O triunfador na categoría de conto foi Brais Lamela Gómez, do IES Basanta Silva, de Vilalba, co título Fiat Voluntas Tua e baixo o pseudónimo Ronsel. Segundo o xurado, a obra "destaca pola sabia construción narrativa dunha historia adobiada cuns alicerces léxicos, documentais e literarios de moita relevancia que queren transcender máis alá dos manidos estereotipos do relato histórico.

O segundo premio levouno Iria Aldomar Dosouto, do IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, co título Finis Mundi. Desta obra valorouse "a súa medida estrutura narrativa, que é quen de manter a tensión no lector ata o seu remate, mostrando ademais un destacado exercicio de introspección psicolóxica da súa protagonista".

Futuros escritores de referencia
O alcalde compostelán expresou a súa "satisfacción" por presidir un ano máis estes premios, que cumpren para el un triplo obxectivo. Por un lado, dixo, "sérvennos para felicitar aos gañadores e demostrar que a lingua e a literatura galega seguen vivas". Por outro, engadiu, "permítennos promover o uso do galego entre os mais novos e descubrir promesas que máis adiante serán escritores de referencia". Finalmente, apuntou que o galardón fai "manter viva a memoria de Ánxel Casal", do que recordou o seu compromiso coa lingua e coa cultura galega.

Pola súa parte, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, salientou a "sorprendente madurez" dos novos escritores que se presentaron á convocatoria. En especial, manifestou a "impresión" que lles causou ao xurado os traballos na categoría de poesía. Neste sentido, do gañador, Alfonso Francisco Traficante, prognosticou que "pode ser un dos grandes poetas galegos do século XXI".

Os traballos dos gañadores serán publicados nun volume por Edicións Xerais, que este ano se sumou a este Premio Ánxel Casal. Por isto, dixo Bragado, agora estes novos escritores deberán ver renovado polos lectores o recoñecemento do xurado.

Acompañaron do alcalde; da concelleira de Educación, Mercedes Rosón; do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; e dos propios premiados, participaron no acto membros do xurado, familiares e amigos dos premiados, e integrantes da familia de Ánxel Casal participaron tamén nun acto no que a nota musical puxérona Mario Otero Diz, Cristina Taboada e Guillermo Alzugaray, da Escola Municipal de Música.

Documentos relacionados



Compartir: