TURISMO

Compostela presenta en FITUR un sistema pioneiro de asistencia turística en móbiles

25/01/2006 No primeiro día de actividades profesionais na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se desenvolve en Madrid, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e Turismo de Santiago presentaron o ‘Sistema Móbil de Información Turística’, SMIT, un proxecto pioneiro que, desde o mesfebreiro, permitirá aos visitantes de Santiago recibir asistencia turística nos seus propios teléfonos móbiles.

O SMIT, que constitúe o primeiro caso de aplicación de tecnoloxías da información en mobilidade ao sector turístico, foi presentado polo director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel José Fernández Iglesias; o concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela, e representantes da empresa consultora compostelá Gallegos y Cienfuegos, autora do proxecto.

Unha novidosa ferramenta tecnolóxica
Esta ferramenta tecnolóxica de última xeración foi deseñada para proporcionar información multimedia de interese turístico e cidadán a través do teléfono móbil, polo que constitúe un verdadeiro ‘asistente turístico en ruta’.

O funcionamento do SMIT parte dun Sistema de Información Xeográfica no que cada rexistro –hoteis, monumentos, restaurantes, liñas de transporte ou puntos de interese- está referenciado espacialmente. Con só acceder ao servidor do SMIT en Internet desde o teléfono móbil, o usuario poderá posicionarse nun mapa, buscar recursos turísticos ou de interese cidadán con texto, audio, fotos e vídeos, consultar axendas dinámicas de eventos e trazar rutas ou seguir rutas predeterminadas.

De acordo con Francisco Candela, ‘tendo en conta que os prezos descargas de datos son día a día máis competitivos, que a tarifa plana na transmisión de datos aos terminais móbiles é xa unha realidade e que a cobertura GPRS é case universal, o sistema é plenamente operativo á vez que de acceso económico’.

Neste sentido, o SMIT supera a outros produtos existentes en telefonía móbil, tanto nas funcións multimedia como na capacidade de busca e trazado de rutas. A información de SMIT é de feito máis universal que a dos ruteiros actuais: ao dispoñer de motores de busca para a información, que reside en Internet, o número de recursos é practicamente ilimitado.

‘O SMIT non substitúe senón que complementa a información xa existente, sexa impresa, electrónica en Internet o audiovisual, utilizando un pouco de cada un deses formatos adaptado ás actuais necesidades da información en mobilidade. Isto converte ao SMIT nunha completa asistencia en viaxe grazas ás súas funcións de localización, visitas virtuais, reservas e navegación’, sinalou Candela.

De feito, segundo os creadores do sistema, en España, contando con residentes en cidades de máis de cen mil habitantes e visitantes, o número potencial de usuarios de SMIT pasa dos 40 millóns.

Comeza a funcionar en febreiro
Cartografía urbana, patrimonio histórico-artístico, edificios singulares, edificios de uso público, parques, museos, aparcamentos, oficinas de turismo, hoteis, bares, restaurantes, rutas de interese, transporte turístico, transporte público e asistencia sanitaria e de seguridade son algúns dos rexistros que xa están cargados no sistema, e que estarán dispoñíbeis para consulta a partir de febreiro próximo.

Para a realización do proxecto se considerou o casco urbano de Santiago, cunha extensión de 2.162 hectáreas que comprende a zona de interese turístico e a meirande parte da área metropolitana na que se alzan edificios de interese histórico artístico e de utilidade cidadá.

A medio prazo, o SMIT tamén constituirá para Santiago unha primeira oportunidade de facer que a información pública de interese cidadán sexa accesible desde móbiles, descargándoa desde servidores de Internet cun sistema de información xeográfica como base operativa, o que lle outorgaría as vantaxes multimedia e da actualización en tempo real.

Compartir: