CIRCULACIÓN VIARIA

O Concello implanta un novo sistema de xestión de accidentes e atestados para reducir a sinistralidade viaria urbana

14/12/2010 O Concello de Santiago vén de iniciar un cobizoso proxecto que ten por obxectivo reducir a accidentalidade viaria urbana. A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou as principais liñas deste traballo que pasan pola incorporación dunha nova ferramenta informática que reducirá a carga administrativa e mellorará a análise das causas dos accidentes, e pola incorporación á paxina web municipal da figura do e-atestado.

Dentro da aposta polas novas tecnoloxías para a mellora da seguridade viaria enmárcase a posta en servizo dun sistema informático destinado a previr accidentes de circulación. Esta ferramenta, desenvolvida inicialmente pola Garda Urbana do Concello de Barcelona permitiu nesta cidade, durante 2009, identificar e adoptar medidas que reduciron nun 25% os accidentes nos puntos cunha maior sinistralidade. Segundo Álvarez-Santullano, "se tiveramos que desenvolver este software estariamos falando de 250.000 ou 300.000 euros, pero unicamente tivemos que investir 30.000 para a adaptación do sistema".

Esta ferramenta informática chega agora a Santiago en virtude dun convenio de cesión do software sen custo asinado entre ambas Administracións. O sistema, loxicamente, adecuouse ás necesidades e peculiaridades da cidade, tanto á cartografía como aos formularios propios da Policía Local.

Menor carga de traballo e análise detallada dos accidentes
Grazas a este programa, as patrullas da Policía Local dispoñen dunha ferramenta moderna, áxil e eficaz que reduce a carga de traballo administrativa e permite unha maior dedicación á atención ao cidadán e á análise das causas do accidente.

Entre as posibilidades que proporciona o sistema, a modo de exemplo, cómpre citar:

• Os bosquexos do accidente prepáranse sobre a base cartográfica dixital do municipio, con ferramentas de debuxo de última xeración.
• Verifícase que se teñan obtido todos os datos necesarios para cada tipo de accidente/actuación e a súa coherencia, evitando as acciones posteriores para recoller información adicional.
• O atestado complétase en tempo real, no lugar do accidente.
• A patrulla dispón de información de accidentes anteriores, o que facilita o seu traballo.
• Prepáranse e envíanse os cuestionarios estatísticos da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) de forma automática

O traballo das patrullas visualízase finalmente nunha base de información dos accidentes do municipio. Deste xeito, os servizos centrais da Policía Municipal e os técnicos de mobilidade terán datos fundamentais para traballar cara a prevención e proposta de melloras que repercutan na redución da sinistralidade. Grazas a isto, indicou Ramón Dern, da consultora que desenvolveu o programa, "os atestados pasan a ser o primeiro paso na cadea de prevención".

Así, o sistema facilita novas metodoloxías de análise dos sinistros, xa que achega múltiples criterios de selección dos accidentes a analizar: datas, causas, características do vehículo, franxas horarias, características do condutor, etc. Ademais, permite visualizar sobre a cartografía do municipio os accidentes seleccionados, determinando áreas de influencia, proximidade do punto do primeiro impacto, etc.

Esta ferramenta tamén permite realizar o seguimento das accións correctoras aplicadas para avaliar a súa efectividade. Deste xeito, xeraranse informes de evolución da accidentalidade antes e despois da aplicación de medidas correctoras, así como estatísticas agregadas por distintos criterios e para cada zona xeográfica avaliada.

Outra das vantaxes é que proporciona en tempo real información estatística que actualmente era o resultado de semanas de arduo traballo de revisión de expedientes. Por último, as compañías de seguros e avogados disporán da facilidade de poder obter a información do atestado vía Internet.

e-atestado
Outra mellora tecnolóxica será a incorporación a esa páxina web municipal da función do e-atestado, que nun proceso de tres pasos permite en calquera momento obter o atestado:

1. O solicitante obtén a alta como usuario autorizado, para un determinado grupo de atestados.
2. Preséntase unha autoliquidación para dotar de fondos a súa conta de e-atestado.
3. Pódense obter en tempo real os atestados, ata esgotar o saldo dispoñible.

Tamén se prevé que a Administración de Xustiza poida utilizar esta función, neste caso sen custe.

Este novo servizo de e-atestado supón un grande avance na calidade do servizo prestado aos cidadáns e contribuirá ao aforro de custes na xestión dos accidentes. A información dos atestados estará a disposición das partes interesadas no mesmo momento no que a Policía Local finaliza os seus traballos, sen outra condición que dispor dunha conexión autorizada vía Internet.

A Policía Local está completando actualmente o período de formación para o manexo desta ferramenta. Deste xeito, a tramitación de atestados con este novo sistema comezará o 1 de xaneiro.

Compartir: