EDUCACIÓN

Sánchez Bugallo inaugura en Área Central a exposición "As portas do milenio"

25/01/2006 Ata o 18 de febreiro poderase visitar en Área Central a exposición "As portas do milenio" inaugurada polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o mércores 25 de xaneiro. No acto participaron a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos; o xerente do centro comercial Área Central, Juan Carlos Losada; o coordenador de Cruz Vermella en Santiago, Fidel Martín, e o presidente de Unicef-SAntiago, Andrés Fariña.

No acto de inauguración, que contou coa presencia de perto de 50 alumnos das Fontiñas o alcalde destacou os valores solidarios que difunde esta exposición, que chega a Compostela gracias á colaboración do Departamento de Educación e Mocidade, Cruz Vermella, Unicef e o Centro Comercial de Área Central.

A mostra "As Portas do Milenio" está constituída por 16 esculturas que debuxan oito arcos. Cada unha simboliza a un neno con grandes pes anclados nos problemas do mundo, un corazón sensible latindo mensaxes de solidaridade e unha cabeza que, en forma de engranaxe pensante, analiza de xeito intelixente cómo resolver os problemas do mundo. Cada arco representa o diálogo que xurde entre os nenos, un orixinario dun país rico e outro, dun país pobre. Como consecuencia de cada diálogo, nace un obxectivo do Milenio como solución para erradicar a externa pobreza e asegurar un mundo mellor para todos.

Compostela será a única cidade galega que disfrutará desta mostra, aue xa pasara por cidades italianas como Milán, Peruggia e Roma. En España poido ser visitada no Forum de Barcelona, en Sevilla, Albacete, Madrid, Salamanca, Córdoba, Zaragoza e Bilbao.

En setembro do ano 2000 celebrouse o Cumio do Milenio no seo das Nacións Unidas en Nova York. Neste cumio asinouse a Declaración do Milenio que comprende a posta en práctica dunha serie de políticas e estratexias para acadar os denominados "Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio" antes do 2015.

Cinco anos máis tarde a situación de pobreza está lonxe de ser resolta. Neste senso o responsable de Unicef en Compostela, Andrés Fariña, considera que "a sociedade vive nun momento de desenrolo económico óptimo e suficiente para cumprir os obxectivos do milenio".

A exposición pódese visitar no recinto do centro comercial Área Central dende o 25 de xaneiro ata o 18 de febreiro. De luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas, están programadas a actividades didácticas para os escolares de terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo de ESO.

Compartir: