SANIDADE

O Refuxio de Animais incrementa o seu orzamento para 2011 ata os 330.581 euros

13/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá a xuntanza do Padroado da Fundación do Refuxio de Animais. Entre outros asuntos, na mesma aprobouse a proposta de orzamento para 2011, cifrada en 330.581,76 euros.

Esta cifra supón un incremento respecto do orzamento de 2010, que fora de 315.173,03 euros. Precisamente, na mesma xuntanza deuse conta da xestión do orzamento do ano en curso, que a 30 de outubro reflicte un equilibrio de gastos e ingresos co que se agarda pechar o exercicio. O incremento do orzamento de 2011 vén motivado pola maior achega financeira dos Concellos integrados no Padroado e pola suba –por un total de 66.000 euros- dos prezos variables (apadriñamentos, donativos, tenda...).

Noutra orde de cousas, na xuntanza tamén se acordou iniciar a negociación cos representantes dos traballadores cara a redacción dun convenio colectivo do centro de traballo.

Finalmente, aprobouse unha nova campaña de concienciación para a adopción de animais a realizar entre o Nadal e finais de xaneiro. A campaña será presentada en breve polo concelleiro de Sanidade, Andrés Fariña.

Compartir: