PROMOCIÓN ECONÓMICA

A metade dos turistas que chegan en liñas de baixo custo a Santiago de Compostela visita outros lugares de Galicia

13/12/2010 O 57% dos turistas que chegan en liñas de baixo custo son estranxeiros, fronte ao 47% no caso de liñas tradicionais. Son datos do Informe comparativo de usuarios de liñas de baixo custo e resto de turistas, elaborado polo Centro de Estudos Turísticos (Cetur) da Universidade de Santiago.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o director do Cetur, Xosé Santos, deste Informe, elaborado para o período 2006-2009. Os datos analizados foron extraídos das enquisas de demanda turística que o Cetur vén facendo para Turismo de Santiago dende mediados da pasada década.

Os resultados do estudo poñen en evidencia que as liñas de baixo custo contribuíron a internacionalizar o destino na medida na que o 57% dos visitantes que chegan a través destas compañías proceden do estranxeiro, un volume 10 puntos superior aos turistas estranxeiros que chegan por outros medios. A procedencia é fundamentalmente británica, italiana e alemá. Pero tamén se advirte un amplo abano doutras nacionalidades, como Polonia, Francia ou Irlanda.

Obsérvase que o 48,75% dos turistas que chegan a través de liñas de baixo custo visitan outros puntos de Galicia. Despois de Santiago, os lugares máis visitados son A Coruña, cun 38%, Vigo e Fisterra, ambos cun 11%, e Pontevedra, cun 7%. Tamén pode verse claramente que as liñas de baixo custo atraen a un tipo de turista máis novo que o do resto de medios. Así, o 46,12% ten menos de 30 anos, fronte ao 38,89% pertencente a este grupo de idade que veñen por liñas tradicionais.

O nivel de gasto por persoa é moi similar entre as persoas que veñen por liñas de baixo custo e as que veñen por outros medios. O gasto medio por día do turista que chegou por liñas de baixo custo no 2009 foi de 61,59 euros. A súa estadía media foi de 3,025 días. Polo tanto, o seu gasto no destino foi de 186,30 euros. O gasto medio por día do turista que chegou por outro medio foi de 71,43 euros e a súa estadía media foi de 2,65 días. Así o seu gasto total no destino foi de 189,28 euros.

Importancia das liñas de baixo custo no crecemento de Lavacolla
Xosé Manuel Iglesias lembrou na súa intervención que, a partires do 11 de xaneiro, Lavacolla deixará de ter conexións internacionais. Perderanse as conexións de Ryanair con Londres, Roma e Frankfurt, ademais da xa anunciada cancelación da conexión de París con Vueling. Segundo o concelleiro, "isto significará un golpe moi duro ao sector turístico de Santiago e de Galicia, e a responsabilidade só é imputable á Xunta de Galicia".

O concelleiro repasou a evolución do aeroporto de Lavacolla nos últimos 15 anos. Como se recolle no seguinte cadro, o aeroporto de Santiago estivo entre 1995 e o 2003 estancado entre 1.200.000 e 1.400.000 pasaxeiros. No 2004, co Ano Santo, houbo un crecemento relevante, ata os 1.580.675.
Pero foi no 2005, cando se implantaron as liñas de baixo custo, cando o aeroporto pegou un salto de calidade. Nese ano chegou a 1.843.118. E no 2007 superou por primeira vez a barreira dos dous millóns de pasaxeiros, alcanzando concretamente os 2.050.172. En 2008 e 2009, no contexto de crise aeronáutica, foi un dos aeroportos da rede de AENA que tivo mellores resultados. E neste ano superará claramente de novo os dous millóns de pasaxeiros.

Segundo Iglesias, os datos confirman que apostar polas liñas de baixo custo en Santiago permite a ampliación de mercados internacionais para o sector turístico de Santiago e Galicia. "Os datos tamén confirman que facer outro tipo de apostas non resposta a criterios de desenvolvemento do sector turístico galego e de racionalidade no gasto público, senón a outro tipo de criterios, especialmente criterios electorais entregándolle a outras cidades un valor estratéxico para Santiago e o conxunto do país", dixo.

Documentos relacionados



Compartir: