RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Santiago-Une cumpriu cos obxectivos de crear unha rede de cidades e de dinamizar a idea de Europa entre os cidadáns

09/12/2010 O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, fixo balance das accións realizadas no marco do programa Santiago-Une, acompañado polo conselleiro técnico da Subdirección General de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas do Ministerio de Cultura e responsable do Punto de Contacto Ciudadanía, Augusto Paramio. Destacou o papel deste proxecto para "dinamizar a idea de Europa entre os cidadáns".

Fariña agradeceu o papel de "padriño" de Paramio na orientación do programa Santiago-Une. Este, pola súa parte, salientou o seu satisfactorio resultado en canto á "creación dunha rede de cidades europeas" e animou ao Concello a seguir presentándose a convocatorias comunitarias deste tipo. Neste sentido, tras aludir á oportunidade de centrar parte do proxecto Santiago-Une na loita contra a exclusión social en 2010, ano que a Unión Europea dedicou a este fin, alentou a traballar cara a 2011 na cuestión do voluntariado.

Tomando como base o papel integrador e promotor da identidade europea do Camiño de Santiago, o proxecto Santiago-Une pretendía promover a reflexión sobre o futuro de Europa, así coma o diálogo intercultural que permitira fomentar o sentido de pertenza á Unión Europea entre os seus cidadáns. Este diálogo plasmouse coas cidades socias do proxecto, Córdoba, Asís, Narni, Ratisbona, Rennes e Santiago do Cacém, ademais doutras que quixeron unirse tamén a esta iniciativa. Santiago-Une supuxo un investimento de 143.560 euros.

De Asís a Santiago do Cacém
O percorrido do programa arrincou en marzo de 2010 en Italia. Entre outros eventos, en Asís realizouse unha xornada sobre a loita contra a exclusión social (Asís) e inaugurouse a exposición Santiago une a Europa. Tamén se realizou un encontro con estudantes Erasmus e amigos do Camiño de Santiago na Universidade de Perugia, e mantivéronse reunións con diversos sectores das cidades de Narni, Pistoia, Rivodutri, Spello e Cannara. Ademais, en Roma, o alcalde impartiu unha conferencia no Instituto Cervantes e houbo encontros con autoridades turísticas. Tamén en marzo, o programa Santiago-Une foi presentado en Bruxelas, a onde tamén chegou a exposición Santiago une a Europa.

Xa en abril, a seguinte parada foi Córdoba, cidade coa que se ratificou o irmandamento. Alí mantivéronse encontros con representantes universitarios e empresariais da vila andaluza. Este mesmo mes, celebrouse en Santiago un encontro cos representantes da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo.

A propia Santiago de Compostela foi o escenario en maio das celebracións con motivo do Día de Europa, con diversos actos académicos, lúdicos e culturais. Entre outros eventos, tiveron lugar as xornadas O Camiño de Santiago: meta de Europa, con conferencias, mesas redondas e charlas sobre o futuro de Europa e sobre a perspectiva dos peregrinos de Alemaña, Francia, Italia e Portugal. Tamén se aproveitou a ocasión para que Santiago e Pisa ratificaran o seu irmandamento.

Maio pechouse coa visita a Ratisbona (Alemaña), onde se realizou unha xornada sobre os valores do Camiño de Santiago. As reunións coas autoridades municipais e universitarias da cidade completaron un programa que tamén incluíu a conmemoración do Día das Letras Galegas.

A penúltima parada foi a cidade francesa de Rennes, en xuño. Ademais de participar na organización do décimo aniversario da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, o alcalde asinou o irmandamento con esta vila, definindo ferramentas comúns de promoción, relacións e intercambios no ámbito da educación, a investigación e a cultura.

As actividades de Santiago-Une pecháronse en Santiago do Cacém (Portugal). O eixe do programa foron as xornadas Os Camiños do Patrimonio e a inauguración dunha praza co nome de Santiago de Compostela.

Compartir: