XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o subministro de mobiliario para a ludoteca de Fontiñas

07/12/2010 A Xunta de Goberno aprobou, entre outros asuntos, a adxudicación do subministro de mobiliario para a Ludoteca de Fontiñas, para o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio a Empresas (CERSIA) e para o Centro Xove de Creación Cultural. Tamén se impuxeron penalizacións por retrasos nalgunhas obras de reurbanización e puxéronse en marcha algúns dos programas tradicionais do Nadal.

A adxudicación do subministro do mobiliario para a Ludoteca de Fontiñas supón un paso máis cara a apertura deste centro, que estará dirixido a nenos e nenas de 0 a 14 anos fóra do horario lectivo. O edificio ten 1.080 metros cadrados construídos, cunha superficie útil total de 658 repartida en dúas plantas e un soto. Contará con bebeteca, sala de xogos de rol e imitación, sala de construcións, sala de reunións e talleres, zona de usos múltiples e zona de xogos de mesa e audiovisuais, ademais doutras instalacións complementarias e de servizo.

Tamén no eido educativo, iniciouse a contratación do servizo de desenvolvemento dun dos programas tradicionais destas datas, Nadalxogo. O tipo de licitación estableceuse en 69.780 euros.

Outra das actividades para este tempo será o Salón de Nadal do Libro Infantil e Xuvenil, que se desenvolverá no marco de Nadalxogo, no Multiusos Fontes do Sar, do 23 de decembro ao 3 de xaneiro. Nesta ocasión, o Salón ten coma un dos seus centros de interese as actividades en torno ao libro Un misterio para Tintiman en Compostela. Corazón de Chocolate, recentemente presentado en Raxoi.

Cidade Histórica
En materia de Cidade Histórica, considerouse probada a demora de 58 días naturais prazo de execución da obra de reurbanización da rúa Trindade polo contratista debido a motivos que lle son imputables. Por iso imponse unha penalización a razón de 0,55/día/1.000 euros do prezo do contrato, o que supón un importe de 3.546 euros, que se fará efectivo mediante dedución nas correspondentes certificacións de obra.

O mesmo tipo de penalización impónselle ao contratista da obra de reurbanización da rúa Raxoi. Neste caso a demora foi de 21 días naturais, polo que a penalización alcanza os 1.810 euros.

Infraestruturas
A proposta do concelleiro de Infraestruturas, aprobouse o proxecto modificado de construción do campo de fútbol de Villestro, incluído no FES 2010. O cambio supón un incremento de 95.278 euros respecto o inicial, totalizando 577.819 euros. A execución do contrato corresponderá á adxudicataria principal e o prazo de remate dos traballos amplíase ata o 30 de decembro.

Outro proxecto modificado ao que se lle deu o visto bo foi o das obras de construción de pistas de tenis e pádel en Sar. Tamén incluída nos FES 2010. Aplicada a baixa correspondente, a modificación supón un incremento de 52.355 euros respecto o proxecto inicial, quedando o orzamento de adxudicación en 388.373 euros. Acórdase igualmente solicitar á Dirección General de Cooperación Local unha prórroga de tres meses para o remate das obras.

Promoción Económica
En Promoción Económica, iniciouse a contratación de mobiliario e equipamento para o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio a Empresas (CERSIA). O tipo de licitación é de 200.000 euros.

No ámbito da mesma Concellería, aprobouse a convocatoria de Nadal do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, por un importe de 12.083 euros.

Seguridade Cidadá
O Goberno local adxudicou definitivamente varios catro lotes de uniformes e accesorios para a Policía Local: prendas de confección a medida (94.901euros), accesorios (5.247 euros), calzado (7.788 euros) e cascos semiintegrais para motoristas (2.551 euros). Xa para o Servizo de Extinción de Incendios, iniciouse a contratación do subministro de cascos polivalentes para a intervención en lumes, cun tipo de licitación de 33.547 euros.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, adxudicáronse os traballos de reforma e acondicionamento do local de Cesar, por 29.002 euros. Este Departamento tamén adxudicou o subministro de diversa utillaxe (23.730 euros), mobiliario 52.473 euros), cortinas (19.493 euros) e carpintería a medida (12.615 euros) para a rede de centros.

Ademais, determinouse cal será a empresa que deseñe, elabore os contidos e execute a mostra gráfica e audiovisual itinerante denominada A memoria da xente. O importe da adxudicación é de 40.108 euros.

Xuventude
Finalmente e a proposta do concelleiro de Xuventude, adxudicouse o subministro de mobiliario para o Centro Xove de Creación Cultural, na rúa Betanzos, por importe de 40.105 euros.

Documentos relacionados



Compartir: