XUVENTUDE

Os once grupos gañadores do certame "MúsicaXove 2009" presentaron o seu dobre disco recompilatorio

02/12/2010 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, o dobre CD recompilatorio cos temas dos gañadores do II Certame MúsicaXove. No acto tamén participou unha gran representación dos músicos e cantantes do grupos participantes no concurso.

O disco está composto por 22 temas, dous por cada un dos grupos participantes (Codename, The Weak Force, Soño Eterno, Tramaturgia, 504, Liridade Noctámbula, Roberto Sobrado, Pi Graos, Diry Socks, Frab Fly e Agoraphobia).

Esta iniciativa creouse para reforzar o impulso dinamizador dos grupos musicais emerxentes. Así, o servizo municipal de Educación e Xuventude creou o Certame MúsicaXove, que xa vai pola súa cuarta edición, co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade. Ademais de ter como destinatarios aos músicos novos que manteñen a súa actividade en Santiago, ábrese ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que teñan como sede da súa actividade Galicia. Na segunda edición (que se celebrou na Sala Capitol os días 16, 23 e 30 do mes de abril) participaron máis de 20 grupos, e os que alcanzaron un primeiro, segundo ou terceiro posto recibiron un premio en metálico e a satisfacción de gravar un disco, para a maioría o seu primeiro traballo discográfico.

Dende a posta en marcha deste recurso, que favorece a práctica da música entre os mozos e mozas de Compostela, o Departamento de Xuventude desenvolve dúas liñas de traballo: o labor de promoción e de difusión das actividades, así como a organización de concertos para os grupos, ben por iniciativa do Concello a través de diferentes departamentos municipais, ou ben organizados por outras institucións, colectivos, salas de concertos, empresas do sector, entre outros.

Os Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela favorecen o ensaio estable de máis de 40 grupos de música da cidade, de luns a domingo durante toda a xornada. Neles desenvólvense actividades formativas que están a procurar a estabilidade dun número significativo de grupos de música de Santiago.

Compartir: