CULTURA

Martín Cuenca presenta ao público de Cineuropa "La mitad de Óscar"

02/12/2010 Na derradeira xornada desta XXIV edición, Cineuropa recibirá o venres 3 de decembro ao director Manuel Martín Cuenca, un dos autores de maior relevancia da última década do cinema español. Martín Cuenca estará no festival compostelán para presentarlle ao público a súa película La mitad de Óscar. O acto celebrarase no Teatro Principal ás 18:00 horas e, tras a proxección do filme, o realizador manterá un coloquio co público na sala.

La mitad de Óscar vén de recibir unha excelente acollida nos festivais de Toronto e de Xixón e espérase con expectación a súa estrea comercial, logo do seu pase por estes certames especializados e, agora, por Cineuropa.

Manuel Martín Cuenca é director de longametraxes como La flaqueza del bolchevique -que protagonizou Luis Tosar e deu a coñecer a María Valverde- ou Malas temporadas, que competiu en San Sebastián.

La mitad de Óscar céntrase no personaxe dun garda de seguridade que traballa nunha salina. Na súa vida familiar, á marxe por completo da súa rutina, ten como únicos familiares ao seu avó, aqueixado de Alzheimer e internado nunha clínica, e a unha irmá que hai dous anos que non ve e que coa súa chegada abrirá a caixa de Pandora duns sentimentos escondidos.

Ademais da oportunidade de debater con Martín Cuenca sobre a súa película, este venres que pecha Cineuropa ofrece a posibilidade de recuperar algún dos filmes que máis eco tiveron entre os afeccionados: o thriller Animal Kingdom, vencedor en Sundance; o drama da danesa Susanne Bier In a better world; a Cámara de Ouro en Cannes que obtivo o filme mexicano Año bisiesto; a arxentina Los labios e o documental Return to the land of the souls, de Jordi Esteva.

Compartir: