CULTURA

Chega a Sons da Diversidade Lokua Kanza, unha das voces máis delicadas de África

01/12/2010 O congolés Lokua Kanza, unha das voces máis delicadas e sofisticadas da música actual, será o protagonista do segundo concerto da tempada 2010-2011 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura. A cita será o sábado 4 de decembro ás 21:00 horas e as entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Lokua Kanza presentará en Santiago o seu último disco, Nkolo. O álbum arranca cunhas notas de kalimba, que dá paso a unha voz máxica, que por momentos parece fráxil para despois erguerse chea de forza. A súa voz e a súa sabedoría para construír cancións ás que frautas, campás, coros e percusións achegan multitude de matices levou a Youssou N'Dour a citalo como o seu cantante favorito.

Lokua Kanza naceu na República Democrática do Congo rodeado de música. En Kinsasha compaxinou os estudos de conservatorio coa absorción de todos tipo de estilos nas rúas, as radios, a igrexa e as discotecas. Logo de moitos anos integrado na escena musical do Golfo de Guinea estableceuse en París, onde en 1993 gravou o seu primeiro álbum, Lokua Kanza, no que revelou o seu talento como compositor e cantautor. Seguírono os discos Wapi Yo, 3, Toyebi Te e Plus Vivant, ademais de Toto Bono Lokua, un dos álbums de referencia da música africana, gravado xunto a Richard Bono e Gerald Toto.

A vida do cantante congolés repártese entre o seu país natal e as cidades de París e Rio de Janeiro. Esa experiencia vital e musical trasládase ao seu último traballo, con temas nos que sopra o aire nostálxico dos espirituais negros e outros de atmosfera brasileira. Melodía, sutileza, encanto e un chisco de melancolía son as claves dun disco dunha elegancia excepcional. Así o valora a prensa especializada, como Crisol de Músicas: "Lokua é un erudito da música contemporánea. O resultado é este esperado Nkolo, unha gozada para o oído e especialmente para o sosego do espírito tan necesario nestes tempos axitados."

Segunda cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto en novembro. Despois de Lokua Kanza, nos seguintes meses pasarán polo escenario do Auditorio de Galicia Carmen Linares, Mari Boine, Ana Moura, Hindi Zahra, Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: