EDUCACIÓN

Afonso Francisco Traficante, Brais Lamela e Lara Porto gañan o XV Premio Ánxel Casal

01/12/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, deu a coñecer o nome dos gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal. Afonso Francisco Traficante Fernández, Brais Lamela Gómez e Lara Porto Mato foron os gañadores, respectivamente, nas modalidades de poesía, conto e teatro. En total, presentáronse 56 traballos.

Afonso Francisco Traficante Fernández, alumno do IES Nº 1 de Ordes (A Coruña), con tan só 14 anos, foi o gañador do premio de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás Campos, integrante do xurado, considerou "extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual". Recordou Marcos Sánchez Calveiro, tamén escritor e membro do xurado, que se trataba do poemario máis amplo a concurso e que se presentou como "obra conceptual pechada".

O segundo premio recaeu en José Ismael Ramos Castelo, de 16 anos, do IES Virxe do Mar (Noia), polo seu traballo Capricho (poesía existencial demasiado azucrada.
Foi tanta a calidade dos traballos presentados na categoría de poesía –indicou a concelleira- que o xurado considerou oportuno facer tamén unha mención a Jesús Castro Yáñez, de 18 anos, do IES Pedregal de Irimia (Lugo), que concursou coa obra Paxarotempos.

Conto
O premio de conto foi para Brais Lamela Gómez, de 16 anos, e alumno do IES Basanta Silva (Vilalba). Desta obra, titulada Fiat Voluntas Tua, Sánchez Calveiro destacou a "calidade literaria e o uso dos recursos lingüísticos do galego", ademais do seu labor de documentación, xa que se trata dun relato histórico ambientado no mosteiro de Samos no século XVI. Así, recalcou, utiliza incluso expresións en latín vulgar da época.

O segundo premio nesta modalidade foi para Finis Mundi, conto co que concursou Iria Aldomar Dosouto, de 17 anos, pertencente ao IES Eduardo Blanco Amor (Ourense).

Teatro
Na modalidade de teatro, a triunfadora foi Lara Porto Mato, de 17 anos, alumna do colexio compostelán Manuel Peleteiro, pola súa obra Sagrada Familia. Nesta categoría o segundo premio declarouse deserto.

Tamén estivo na rolda de prensa o director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, quen tamén se declarou "abraiado" pola calidade dos traballos presentados ao Concurso. A esta editorial encargarase de publicar un libro no que se recollerán os traballos premiados.

A entrega dos galardóns aos premiados celebrarase o 16 de decembro, ás 12:00 horas, nun acto no Salón Vermello de Raxoi. Este acto, dixo Sánchez Calveiro, "recordarase dentro duns anos como o primeiro premio que recolleron estes escritores", porque prognosticou que "algún vai ser un escritor importante das nosas letras".

Dende 1996
O Premio Literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 foi o IES de Sar o que formou parte do xurado en calidade de coorganizador do certame, dirixido a alumnos a partir dos 14 anos e con 5.100 euros destinados en premios.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Documentos relacionados



Compartir: