XUVENTUDE

Os grupos gañadores de "MúsicaXove 2009" presentan o seu disco recompilatorio

29/11/2010 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentará o xoves 2 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, o CD recompilatorio cos temas que os gañadores do II Certame de MúsicaXove interpretaron nas súas finais da Sala Capitol. No acto tamén participarán compoñentes dos grupos musicais e estará o director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro.

Os Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela favorecen o ensaio estable de máis de 40 grupos de música da cidade, de luns a domingo, dende as 10:00 ata as 24:00 horas. Neles desenvólvense actividades formativas que están a procurar a estabilidade dun número significativo de grupos de música de Santiago.

Dende a posta en marcha deste recurso, que favorece a práctica da música entre os mozos e mozas de Compostela, o Departamento de Xuventude desenvolve dúas liñas de traballo: o labor de promoción e de difusión das actividades, así como a organización de concertos para os grupos, ben por iniciativa do Concello a través de diferentes departamentos municipais, ou ben organizados por outras institucións, colectivos, salas de concertos, empresas do sector, entre outros.

Para reforzar o impulso dinamizador, o servizo municipal de Educación e Xuventude creou o Certame MúsicaXove, que xa vai pola súa cuarta edición, co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade. Ademais de ter como destinatarios aos músicos mozos que manteñen a súa actividade en Santiago, ábrese ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que teñan como sede da súa actividade Galicia. Na segunda edición, na que participaron máis de 20 grupos, ademais dos premios en metálico, a iniciativa inclúe a gravación deste CD conxunto dos premiados.

Compartir: