PLENO

O Polígono Industrial do Tambre adáptase ás novas esixencias urbanísticas coa modificación do seu Plan Parcial

25/11/2010 Tras a resolución das alegacións, aprobouse definitivamente en Pleno e por unanimidade a modificación da normativa do Plan Parcial do Polígono do Tambre. Este cambio, segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, obedece á necesaria adaptación da normativa urbanística ás novas esixencias das actividades económicas e produtivas.

Tal como xa indicara anteriormente nunha rolda de prensa, a norma precisa adaptarse a novas leis e regulamentos en materia de edificación, seguridade contra incendios, supresión de barreiras arquitectónicas, etc, de acordo tamén cos cambios tecnolóxicos e nos sistemas produtivos.

A Asociación de Empresarios do Tambre viñera traballando en coordinación coa Área de Urbanismo para detectar desaxustes en cuestións relacionadas cos usos, que se amplían, e con aspectos de caracter menor como retranqueos, accesos ás parcelas ou peches. A modificación dá solución a estas cuestións, dando máis flexibilidade, sempre que sexa xustificada, nas construcións accesorias.

Prazas de estacionamento
Outra cuestión é a adaptación á normativa vixente en materia de aparcamentos e permitirá dotar ao polígono de máis prazas de estacionamento. Isto sucederá grazas á obriga de que as parcelas que resulten de segregación ou as que aínda non están edificadas, teñan as prazas de aparcamento determinadas en función do uso. Así, elimínase a excepción de prazas de aparcamento prevista na normativa actual para parcelas de ata 3.000 metros cadrados.

As parcelas resultantes de segregación deben ter un mínimo de 250 metros cadrados e fronte mínimo en contacto coa vía pública de 12 metros.

Devolución do canon dixital
Ademais, neste caso por unanimidade, aprobouse unha proposición do BNG solicitando a devolución do canon dixital. En concreto, ínstase a "proceder á cuantificación das cantidades abonadas en concepto de canon dixital correspondente aos soportes e equipos adquiridos polo Concello, empresas municipais e outras entidades dependentes dende a entrada en vigor da Orde PRE/1743/2008 ata a transposición á lexislación estatal da sentenza do Tribunal Superior Europeo.

Neste mesmo sentido, procederase a "reclamar ás empresas provedoras e ás entidades de xestión de dereitos da propiedade intelectual a devolución do canon dixital xa abonado resultante da devandita cuantificación. Finalmente, ínstase á Xunta a que sirva de "referente para outras administracións e empresas afectadas" nesta cuestión, reclamándolle ás entidades de xestión a devolución das cantidades que no seu caso lle correspondan.

A esta proposición engadiuse unha emenda, presentada polo PP, na que se pide ao Goberno central que, de forma consensuada, estude un sistema de compensación das cantidades percibidas indebidamente.

Contra a violencia de xénero
A Corporación tamén aprobou por unanimidade, coas achegas de PP e BNG, unha proposición presentada inicialmente polo PSdeG-PSOE relativa ao día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Na mesma ínstase ás Administracións a que "manteña os orzamentos destinados á prevención da violencia de xénero".

Solicítase igualmente ás Administracións competentes que "cumpra os acordos sobre protección de menores expostos a ambientes de violencia de xénero que foron asumidos polas Comunidades Autónomas na reunión do Consello Sectorial de Igualdade celebrado en abril de 2010, coa posta en marcha do sistema de protección especializada de menores e a elaboración do protocolo de atención aos mesmos". Ademais, ínstase á Xunta de para que "a Policía Autonómica recupere o seu papel na protección das vítimas de violencia de xénero".

No mesmo sentido, ínstase á Xunta de Galicia a que "realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento". En concreto, refírese "á creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e á posta en marcha do Centro de Recuperación Integral". Igualmente, solicítase a realización de campañas periódicas contra a violencia de xénero, a formación da totalidade de profesionais e que se garanta o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público.

Situación da Depuradora da Silvouta
Outra proposta á que se deu o visto bo, pero neste caso cos votos favorables de PP e BNG e o pronunciamento negativo do PSdeG-PSOE, foi a dos primeiros relativa a "instar ao Ministerio de Medio Ambiente á toma en consideración da proposta veciñal de nova localización da depuradora da Silvouta". O BNG engadiu a esta proposta a esixencia da "construción inmediata e co menor custe ambiental e social" da mesma.

O alcalde xustificou o voto negativo do seu grupo por "antepor o interese público da cidade" e a urxencia da construción da depuradora, pois considera que debater de novo a ubicación suporía un considerable retraso nesta infraestrutura. E isto, dixo, malia que "houberamos preferido outro emprazamento" e a pesar do "custo político" que esta decisión implica.

Compartir: