PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concurso de Novas Ideas Empresariais premia seis proxectos con 24.000 euros

26/11/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os proxectos premiados en cada unha das seis modalidades do Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2010. Este programa, enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza este concurso, que nesta edición destinaba 24.000 euros a premios, que se repartiron da seguinte forma:

1. Novas ideas empresariais categoría xeral: presentáronse 16 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Verónica Soledad Ordóñez. Trátase dun proxecto de restauración, un restaurante tipo buffet para servir menús de productos de temporada, galegos e de proximidade. A idea é facer boa cociña, con produtos da terra de calidade e prezos competitivos.

2. Novas ideas empresariais promovidas por mulleres: presentáronse 9 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Nóa Estévez. É unha empresa de dinamización socicultural enfocada ao traballo en asuntos de educación, formación e sensibilización medioambiental. Foi o proxecto cunha mellor puntuación técnica no apartado de viabilidade económica.

3. Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude: presentáronse 12 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Miguel Vázquez. Trátase dunha consultoría sobre xestión eficiente de enerxía.

4. Novas ideas empresariais categoría Autoemprego: presentáronse 11 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Pablo Oubiña. Éumha plataforma de intermediación entre ususarios finais e profesionais do ámbito das obras menores de construción, reparacións, reformas e mantemento. Seleccionaría ás empresas prestadoras de servizos, avalando e respondendo da calidade da obra ou servizo que contratan as familias, empregando unha sinxela plataforma web.

5. Novas ideas empresariais Comercio-Turismo: presentáronse 5 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Marta Eiríz, sobre producción e realización de audiovisuais.

6. Novas ideas empresariais Industria-Servizos avanzados para empresas: presentáronse 11 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Roi Ares. É unha empresa tecnolóxica de desenvolvemento de aplicacións telefónicas baseadas en telefonía sobre redes IP.

Cada un dos promotores ten un mes de prazo para constituir a empresa, desde que se lle notifica o premio. Unha vez creada, percibirán os 4.000 euros que lle corresponden a cada un deles, dos que hai que descontar impostos.

Tal e como establecen as bases do Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2010, os proxectos gañadores foron seleccionados por unha comisión de expertos que valorou as 64 solicitudes procedentes de 19 proxectos empresariais, que se presentaron ao certame (un mesmo proxecto podía concursas en varias categorías).

A avaliación realizouse en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego (menos na categoría de autoemprego), que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valoraron aspectos como a utilización de recursos da zona, a viabilidade económica, financeira e técnica do proxecto, ou o emprego xerado.

Sen iniciar a actividade
O Concurso de Novas Ideas Empresariais está dirixido ás persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial e no momento de presentar a solicitude non iniciaran a actividade. Na edición do 2009 presentáranse 50 solicitudes de participación. Os proxectos gañadores entón xa están constituídos en empresas.

Na tramitación da documentación requirida, as persoas que presentaron un proxecto contaron coa colaboración e asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa. Este servizo, ofrecido pola Concellaría de Promoción Económica nas oficinas da Rúa do Hórreo, número 100, ten como obxectivo apoiar a creación e consolidación de empresas pondo a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

Compartir: