CULTURA

Cineuropa propón o maratón máis longo e perturbador da súa historia

25/11/2010 Cineuropa propón este ano o maratón máis longo das súas 24 edicións e, é posible, que o máis perturbador. Este é dobre desafío do maratón de cine que se iniciará o sábado 27 de novembro, a partir das 20:45 horas, no Teatro Principal.

Serán máis de doce horas de cine que, co título de Skalofrío, aseguran non deixar indiferente a ninguén. Unha mestura de películas de culto, rarezas de autores que logo se fixeron maiores, delicatessen sadomasoquistas ou terror que xa é lenda sen terse estreado aínda a nivel estatal.

No menú cinematográfico desta noite especial temos como aperitivo dous videoclips e un spot corrosivo de Javi Camino, que volve ser entrante, ao igual que o pasado ano con Un chico raro.

A primeira das películas da noite, Tras el cristal, pode non soar á cinefilia máis tenra, pero xa xerou angustia nas butacas de Cineuropa aló pola súa segunda edición, en 1988. Difícil de esquecer a súa atmosfera gótica nin a súa mansión con caídas libres.

Ichi, the killer é a maior marcianada do xaponés Takashi Miike. E iso non é dicir pouco. Un thriller entolecido no que o protagonista é un yakuta sadomasoquista que ten xa club de fans. A francesa Martyrs tamén ten xa tribo de adoradores. Sorprendeu no Festival de Sitges coa súa proposta de terror e atrocidades. Dende entón deu que falar moito pero no noso país segue inédita comercialmente. Aí está na noite do sábado para quen se atreva.

Con Enter the void pasa algo semellante. A película de Gaspar Noe, o autor de Irreversible, ten devotos. O seu ritmo psicotrónico, ese Tokyo onde os protagonistas -un camelo e unha stripper- se meten nun túnel lisérxico, tampouco se estreou en España e será prato forte cara á metade do maratón.

Despois, unha película sorpresa da que só adiantamos que será a versión íntegra dunha película estreada, no seu día, con cortes.

Os que aguanten o tirón, terán por diante a Isabel Pisano sometida ás ligaduras da obra mestra de Bigas Luna, Bilbao. E a un cineasta canadense, daquela principiante, chamado David Cronenberg, nesa orxía de sexo e carne crúa que aquí alguén con demasiada imaxinación titulou Viron de dentro de….

Como tamén é xa tradicional, no medio de todo este Skalofrío, haberá tempo para descansar, tomar novos folgos e recuperar azucre co chocolate con churros que tan ben vén entre unha salpicadura de Takashi Miile e unha dentada canalla de Cronenberg.

Compartir: