ALCALDÍA

O Concello achega máis de 9.000 euros para financiar o Bacharelato Internacional do instituto Rosalía de Castro

24/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega 9.129 euros para o financiamento do Bacharelato Internacional.

Tras asinar este convenio, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por seguir colaborando co IES Rosalía de Castro e polos resultados acadados no marco deste Bacharelato Internacional. Recordou a aposta municipal por unha "cidade educadora" e polo ensino público, que fai que poida facerse efectiva unha oferta como esta, que "parecería reservada para outro tipo de centros".

Aos resultados tamén se referiu o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, lembrando que, este ano, tres alumnos do centro foron finalistas no Concurso Nacional de Xóvenes Investigadores. Un deles representará a España no Concurso europeo, sendo o segundo do IES que o logra en dous anos consecutivos.

Dende 1989
O IES Rosalía de Castro oferta o Bacharelato Internacional dende 1989. Esta modalidade educativa foi creada hai máis de trinta anos pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI), unha fundación educativa privada non gobernamental, sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suíza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais. Ademais, involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións en máis de cen países.

O seu currículo prepara para a obtención do Diploma e para a obtención do Bacharelato LOXSE nunha condicións moi completas, que permiten aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas nacionais de educación. O modelo do seu programa de estudios non se basea no de ningún país, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles. Os obxectivos xerais do Bacharelato Internacional son os de formar estudantes cunha educación equilibrada, co fin de facilitar a súa mobilidade cultural e xeográfica e promover o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica.

Para participar nesta modalidade de bacharelato a OBI cobra unha serie de taxas de inscrición, de matrícula do alumnado e das materias cursadas, que para este curso 2010-2011 son as seguintes:

Matrícula anual: 5.710 libras
Matrícula alumno/a: 80 libras x 24 alumnos = 1.920 libras
Matrícula por materias dos 24 alumnos/as: 10.560 libras
TOTAL: 18.190 libras (uns 20.720 euros)

A primeira promoción do Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro comezou no curso escolar 1989-90 e actualmente son 22 as promocións que teñen saído nese centro.

Compartir: