PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá incorpora novas propostas para o inverno

24/11/2010 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa da Concellaría para o período comprendido entre decembro e maio de 2011. O calendario inclúe eventos para todos os públicos, polo que a edil convidou a todos os composteláns a acudir á Casa das Asociacións.

Comezou Guadalupe Rodríguez lembrando o programa recentemente presentado Participación 2.0, que permite o libre acceso a internet na aula informática da Casa das Asociacións. Alí tamén dispoñen os composteláns dun "espazo dixital asociativo", que permitirá introducir ás novas tecnoloxías ao colectivo veciñal.

Entre as novidades para a programación de inverno está as Xornadas de Comunicación e os Debates Cidadáns. Trátase dun novo formato, aberto ás asociacións e ao público en xeral, no que participarán recoñecidos expoñentes de cada un dos ámbitos sobre os que se falará. Alí trataranse cuestións coma o rural que queremos, os dereitos cidadáns, a arquitectura, urbanismo e cidadanía ou creación e difusión cultural.

Gastronomía e viaxes
Tamén se programaron cursos de cociña tradicional e degustacións de menús de Noiteboa, Noitevella ou Entroido. Outra posibilidade será a de coñecer os segredos dos mellores cociñeiros composteláns actuais. Estas sesións gastronómicas terán lugar no Centro de Formación e Cultura da Asociación Hostalería Compostela en Vista Alegre, de decembro a maio de 2011.

Un programa de éxito na anterior programación que agora continúa é o denominado Coñecendo o País. A oferta será dobre: 15 rutas gastronómicas, asistindo ás feiras máis representativas das vilas de Galicia, e 12 rutas de sendeirismo.

Outra iniciativa que repite é o Nadal Solidario, en colaboración co xornal Santiagosiete. Recolleranse alimentos para doar ás institucións máis representativas na asistencia aos cidadáns desfavorecidos: Cociña Económica, Cottolengo, Cáritas, Cruz Vermella e Albergue Xoán XXIII.

Oferta permanente
A concelleira recordou que se dará continuidade igualmente a outras actividades que se desenvolven habitualmente na Casa das Asociacións, como os obradoiros para nenos dentro do programa de conciliación familiar e laboral ou os bailes para maiores os primeiros sábados de cada mes. Tamén seguirán as exposicións. Agora está en marcha a titulada Identitas, do colectivo 20 65 (20 graos, 65 por cento de humidade). A seguinte, do 20 de xaneiro ao 25 de febreiro, rescatará as instantáneas presentadas polos camiñantes do programa Fai o Camiño connosco.

Referiuse tamén aos servizos que a Concellaría presta de xeito permanente aos cidadáns, como o Fondo de Recursos, a Asesoría para a creación de novas asociacións, as Axudas na xestión e tramitación de subvencións ou o Centro de Mediación de Conflitos. Sobre este, o primeiro creado en Galicia, indicou que está xestionando agora 12 conflitos e que xa resolveu outros dous.

Compartir: