XUNTA DE GOBERNO

Rúas para Isidoro Millán, Dolores Rodeiro, Antonio Machado e Alfonso X O Sabio

23/11/2010 A Xunta de Goberno aprobou a asignación de nomes a catro rúas da UX-16 de Santas Mariñas. Levarán os nomes de Isidoro Millán González-Pardo, Antonio Machado Álvarez (Demófilo), Dolores Rodeiro Boado e Alfonso X O Sabio.

Isidoro Millán González-Pardo, conde de Quirós, (1922-2002), desempeñou un prolixo labor docente no Instituto Rosalía de castro e, posteriormente na Universidade de Santiago, como profesor de Lingüística Indoeuropea, Textos Gregos, Historia da Lingua Grega e Micenoloxía.

Foi académico de número da Real Academia Galega; correspondente da Real Academia da Historia; responsable da Biblioteca do Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento"; fundador do Instituto Cultural Galaico-Miñoto, membro do Centro de Estudios Xacobeos e da Comisión de Lingüística e Toponimia da Xunta de Galicia. Ademais, foi o primeiro responsable da política lingüística da Xunta de Galicia.

A súa actividade investigadora centrouse, fundamentalmente, nos ámbitos da Epigrafía e da Arqueoloxía. Na súa ampla obra destaca o seu estudio Autentificación arqueológico-epigráfica de la tradición apostólica y jacobea, publicado en El Camino de Santiago. Camino de Europa (Pontevedra, 1993).

Antonio Machado Álvarez, máis coñecido polo pseudónimo Demófilo, naceu en Santiago de Compostela en 1848. O seu pai, Antonio Machado Núñez, foi catedrático de Ciencias Naturais na Universidade de Sevilla, polo que nesta cidade transcorreu gran parte da súa vida e nela estudou Filosofía e Dereito.

Home moi inquieto, exerceu como xuíz municipal e abriu un bufete de avogados. Debido a problemas económicos decide marchar a Ponce (Porto Rico) en 1892 para exercer como rexistrador da propiedade, malia que a súa saúde estaba xa delicada. Morreu a súa volta un ano despois, cando apenas contaba con 47 anos. Foi un dos folcloristas máis famosos da Xeración de 1868.

Alfonso X, O Sabio (1221-1284). Rei de Castela e de León. Fillo de Fernando III e de Beatriz de Suabia, a súa tarefa máis ambiciosa foi a aspiración ao Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado. As grandes realizacións do monarca no campo da cultura merecéronlle con o apelativo de "Sabio". A fecundidade da colaboración entre as culturas cristiá, musulmá e xudaica ten a súa máxima expresión na Escola de Tradutores de Toledo. No campo da poesía legounos un gran repertorio de cantigas, sendo as máis coñecidas as de carácter relixioso ou de Santa María (referencia a Santiago de Compostela na Cantiga de Santa María nº 26)

Dolores Rodeiro Boado foi unha escultora compostelá nada en 1853. Pouco se sabe desta muller que, salvo unha etapa formativa en Madrid, pasou a súa vida vinculada á nosa cidade. Ela é a primeira e única escultora galega da que se ten noticia no século XIX. En 1875 recibiu a Mención Honorífica na Exposición Regional de Santiago de Compostela, por un crucifixo e un Santo Ignacio de Loyola.

Deportes
Entre outros asuntos da Xunta de Goberno, aprobouse a resolución inicial da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado na campaña 2010. En total repartiranse 235.999 euros a 57 entidades deportivas.

Tamén en Deportes, acordouse a revisión das tarifas dos servizos prestados nas instalacións do multiusos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel pola empresa Xade. A revisión establécese nun 0,80%, correspondente ao IPC comprendido entre decembro de 2008 e decembro de 2009.

Finalmente, iniciouse a contratación do servizo de conserxería e limpeza nos campos de fútbol de Santa Isabel e As Cancelas e nos polideportivos de Pontepedriña e Lorenzo de la Torre. O tipo de licitación fíxase en 505.727 euros.

Medio Ambiente
O Goberno local deu o visto bo a varias contratacións en materia de Medio Ambiente. Así, aprobouse o proxecto e iniciouse a contratación, por 172.220 euros, das obras de saneamento e bombeo de augas residuais en Rochiña. Provisionalmente determinouse a empresa que acometerá unha obra semellante en Sarela de Abaixo, por un importe de 250.039 euros.

Produciuse igualmente adxudicación das obras de restauración do parque natural da Selva Negra, por 104.200 euros. Ademais, aprobouse o proxecto de restauración do río Sarela entre Romano e Galeras (Ponte Asén), cun custo de 98.120 euros, e iniciouse o contrato para redactar un proxecto de vía verde Santiago-Ordes, por 42.920 euros.

Infraestruturas
A proposta do concelleiro de Infraestruturas, aprobouse o proxecto modificado de reurbanización do tramo Galeras-Salvadas-Vista Alegre. Este cambio tradúcese nun incremento de 371.283 respecto do proxecto inicial, motivado pola substitución dun transformador e por obras imprevistas nas conexións eléctricas e de auga.

Documentos relacionados



Compartir: