URBANISMO

Os polígonos de Costa Vella e Formarís achegarán case 450.000 metros cadrados de novo solo industrial e terciario

23/11/2010 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou en rolda de prensa os detalles dos proxectos de urbanización dos polígonos SUNP-37.3 (Costa Vella) e SUNP-38 (Formarís), aprobados en Xunta de Goberno. Nesta mesma sesión tamén se deu o visto bo ao enlace destes polígonos –e tamén do da Sionlla- coa estrada N-550.

Estes dous polígonos, unidos ao desenvolvido polo IGVS na Sionlla, sitúan a Santiago como "a cidade que máis solo industrial xera nestes momentos", indicou Mercedes Rosón. A urbanización destas dúas superficies e da rotonda acometeraos a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA), que prevé ter resoltos os concursos no primeiro semestre de 2011. A urbanización do polígono 3 de Costa Vella está presupostada en 6.047.146 euros, mentres que da área de Formarís custará 8.940.231 euros. Para o nó de enlace contémplase un investimento de 4.082.000 euros.

Resoltas as discrepancias formuladas pola Dirección Xeral de Patrimonio respecto ao paso do Camiño Inglés por este ámbito, poderá acometerse a reurbanización destes dous solos industriais. No caso do SUNP-38 de Formarís, a carón do actual polígono do Tambre, trátase de 27,9 hectáreas de superficie en total, das que quedarán 138.632 metros cadrados de superficie edificable. Resérvanse 99.977 metros cadrados para vieiros e aparcamentos e 389.898 metros cadrados para zonas verdes e dotacións.

O SUNP 37.3 da Costa Vella, situado a carón da FINSA e do futuro polígono da Sionlla, ten 16,7 hectáreas. Terán 58.593 metros cadrados para vieiros e estacionamento e 20.077 metros cadrados para zonas verdes e dotacións. A superficie total edificable serán 83.649 metros cadrados.

O novo enlace que se construirá neste ámbito, que se plasmará fundamentalmente nunha gran rotonda, permitirá conectar coa N-550 os dous novos polígonos, pero tamén a FINSA e o polígono da Sionlla, actualmente en desenvolvemento.

Modificación do Plan Parcial do Polígono do Tambre
Na Xunta de Goberno aprobouse ademais a contratación polo prazo de, cando enos, un ano, con posibilidade de prórroga por seis meses máis, de catro persoas (1 arquitecto superior, 1 arquitecto técnico e dous auxiliares administrativos) para poder dar resposta á situación que se vai xerar como consecuencia da aprobación definitiva da Modificación Puntual do Plan Parcial do Polígono do Tambre. Esta modificación derivará na presentación dun importante número de licenzas de obras e aperturas.

Está previsto que este cambio puntual do Plan sexa aprobado no Pleno ordinario do xoves 25 de novembro.

Compartir: