CULTURA

O director de Cineuropa valora o talento da produción galega malia a crise

22/11/2010 No marco de Cineuropa, e por segundo ano consecutivo, a Academia Galega do Audiovisual presentou o seu cuarto anuario Papeis da Academia, que recolle a información e produción audiovisual feita en Galicia entre xuño de 2009 e xullo de 2010.

Na rolda de prensa celebrada no Teatro Principal, o director de Cineuropa, José Luis Losa, destacou a importancia deste recopilatorio que "malia a crise vén cargado de optimismo, xa que é o momento do talento". Neste sentido, cualificou de "fito histórico" que un cineasta de ascendencia galega como Oliver Laxe triunfara no Festival de Cannes, onde obtivo o premio FIPRESCI da Quincena de Realizadores. Un galardón ao que o próximo día 30 de novembro sumará o Premio Cineuropa 2010. Losa, salientou tamén a importancia deste anuario que, xunto con outros actos auspiciados pola Academia, como as mesas de debate do Foro celebrado a semana anterior "contribúen a enriquecer e aclarar o panorama do sector".

Pola súa banda, o director da Academia, Xosé Manuel Olveira "Pico", coincidiu en que este último ano foi un bo ano para a produción audiovisual no noso país "unha especie de ebulición" e salientou o notable prestixio que están a adquirir no sector os profesionais galegos. O director da Academia explicou que no anuario se recolle, a través de 150 páxinas, un amplo resumo do feito por esta sociedade durante o último ano: dende os premios Mestre Mateo, ata un repaso polos distintos festivais, a colaboración con outras academias, artigos de opinión de profesionais do sector, e incluso a ponencia presentada pola Academia no Parlamento de Galicia con motivo da reforma da lei da Compañía da Radio Televisión de Galicia. O libro recolle o traballo desenvolvido entre xullo do 2009 e xuño do 2010 e preséntase co claro obxectivo de divulgar os esforzos de AGA por protexer os intereses comúns de todos os que traballan no sector audiovisual galego así como a defensa do seu prestixio, a profesión e mesmo a industria cultural

Este ano os Papeis da Academia van acompañados dun cd do músico Arturo Kress no que, dixo, "figuran os traballos dos que máis contento estou". Na escolma de temas salientou que hai unha ampla selección de estilos, entre os que incluíu a música de títulos como "El bosque animado" ou O soño dunha noite de San Xoán, música utilizada en diferentes documentais, etc. Música en definitiva, segundo manifestou Kress, "para transmitir emocións". A inclusión do disco é unha iniciativa Músicas da Academia, coordinado por Nani García, que cumpre a súa terceira edición

Compartir: