CONSORCIO

Stefan Jackiw será o solista convidado nun novo concerto da Real Filharmonía

22/11/2010 O violín será o protagonista no próximo concerto do ciclo de abono da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia. Xunto á orquestra actuará unha nova promesa musical, Stefan Jackiw, quen con 25 anos xa realiza xiras internacionais con algunhas das mellores orquestra de Europa e Estados Unidos.

De orixe coreana e alemá, Jackiw é eloxiado pola pureza do seu son, a beleza do timbre e a súa impecable técnica, amosando unha madurez máis aló da súa idade. Aos 14 anos, Jackiw fixo un sensacional debut coa Orquestra Filharmónica no Royal Festival Hall de Londres. Realizou xiras por Xapón e Estados Unidos. Ademais, é membro fundador do Tessera Quartet, formado baixo a tutela do Cuarteto de Cordas Juilliard. No auditorio compostelán interpretará o Concerto para violín núm. 4, de Mozart.

O concerto estará dirixido por Christoph König, batuta xa coñecida polo público santiagués, na que será a súa terceira colaboración coa Real Filharmonía de Galicia. Ademais da peza de violín, o programa estará composto por unha peza de Dutilleux e a orquestración que fixera Webern do segundo ricercare da Ofrenda Musical de Bach. O concerto rematará coa interpretación da segunda sinfonía de Saint-Saens.

Compartir: