IGUALDADE

Os actos municipais con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero diríxense este ano aos locais de hostalería

22/11/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o xoves 25 de novembro. Nesta edición, o Concello colabora coa Marcha Mundial das Mulleres e coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca nunha campaña para difundir material nos locais de hostalería co lema "Neste espazo non maltratadores".

Mar Martín indicou que, un ano máis, a Concellería de Igualdade quere poñer o acento nos propios homes, xa que "a violencia de xénero é un problema de homes que sofren as mulleres". Neste sentido, recalcou a necesidade de loitar contra "as crenzas nas que aniña esa violencia".

O acto central deste Día Internacional contra a Violencia de Xénero celebrarase a partir das 11:00 horas na sede da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago (Salvadas, 29-31). Alí, o alcalde presidirá a entrega a esta entidade de todo o material desta campaña, que lucirá nos locais de hostalería da cidade e que levará o lema "Neste espazo non maltratadores". Son adhesivos, carteis e uns colgantes para os pomos das portas.

Concurso Educando na convivencia en igualdade
Nesta xornada celebrarase tamén a entrega de premios do X Concurso Educando na convivencia en igualdade, baixo o lema "A miña visión sobre a violencia de xénero", Alumnos de secundaria dos institutos Rosalía de Castro, Sar e La Salle amosarán un ano máis a súa visión sobre a violencia de xénero, grazas a debuxos acompañados con pequenos textos relativos a este tema.

Con estes debuxos realizarase unha publicación que se distribuirá nos diferentes centros educativos do municipio. Ademais, como novidade desta edición, realizarase unha exposición que percorrerá os colexios participantes. A entrega de premios celebrarase no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche o xoves 25, ás 13:00 horas.

Discriminación con Santiago nas axudas ao CIM
Preguntada na rolda de prensa polos xornalistas, a concelleira de Benestar Social e Igualdade denunciou a "discriminación" cara Santiago nas axudas concedidas pola Secretaría Xeral de Igualdade para o mantemento do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Esta subvención, dixo, pasou de 45.000 a 28.000 euros, discriminando a Compostela respecto da axuda que seguen a percibir outros concellos e "non valorando o labor dos profesionais do CIM".

Recordou Mar Martín que esta axuda se emprega para a contratación da psicóloga do CIM, xa que o resto de traballadoras do mesmo son persoal fixo do Concello". Así, indicou que o Concello presentará un recurso ante a redución desta axuda, por considerala "arbitraria e sen razóns".

Denunciou a edil que a convocatoria de axudas para as entidades locais da Secretaría Xeral de Igualdade para formación pasou de 500.000 a 245.000 euros. Estas subvencións, polas súas características, eran solicitadas polas oficinas de Promoción Económica. "Estas axudas, que eran de concorrencia aberta e estaban totalmente desligadas das axudas para o mantemento dos CIM, pasaron a estar vinculadas, de tal modo que existía un tope de 45.000 euros que se podían solicitar ou para formación ou para o CIM", explicou. O Concello optou pola segunda das opcións, pero aínda así, reiterou, concedéronse só 28.000 euros.

Compartir: