ALCALDÍA

Entregado en Compostela o Premio Patrimonio 2010 á Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó

19/11/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España levou a cabo en Raxoi o acto de entrega do Premio Patrimonio 2010, outorgado á Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó. O presidente da devandita Fundación, José Mª Pérez González "Peridis", recibiu o premio de mans de Fernando Clavijo Batlle, actual presidente do Grupo e alcalde de San Cristóbal de la Laguna. Á cerimonia tamén acudiron os alcaldes de Santiago, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Cuenca e Toledo, así como representantes da institución premiada.

A Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó é unha Fundación Cultural de ámbito nacional cuxa misión fundamental é xerar desenvolvemento baseado na valorización do patrimonio cultural, natural e social. Co seu traballo buscan, entre outros fins, ser referencia na posta en marcha de novas iniciativas tanto a nivel persoal como institucional e exercer un proceso pedagóxico para coñecer e valorar o patrimonio en toda a súa dimensión.

O recoñecemento que realiza o Grupo Cidades Patrimonio e polo que lle foi outorgado este Premio Patrimonio 2010, é a importante actuación en relación á conservación, restauración e mantemento do patrimonio románico que está realizando esta Fundación, así como o seu labor orientado ao desenvolvemento económico e social asumindo programas de formación e emprego a través das súas escolas-taller, fomentando a creación de pequenas empresas culturais, turísticas e artesanais que propicien o desenvolvemento sostible da zona na que actúa.

Durante o acto de entrega do Premio, o actual presidente do Grupo, Fernando Clavijo Batllé, dixo que "toda esta actividade está sustentada por uns sólidos valores que, dende o noso punto de vista, constitúen a esencia e garanten o éxito desta institución. Uns valores que é importante recordar e que coinciden cos que o noso Grupo abandeira e busca potenciar na sociedade: alto nivel de compromiso; transferencia de coñecemento en relación ao Patrimonio en todas as súas manifestacións; calidade, innovación, efectividade e responsabilidade social".

Este Premio foi creado no ano 2008 e con el preténdese galardoar ás institucións que teñan realizado un esforzo e un traballo serio na identificación, conservación, estudo e preservación do legado histórico, patrimonial e artístico. Na súa primeira edición recaeu de forma extraordinaria no Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO polo "seu decidido labor a favor do patrimonio mundial". E na segunda edición foi galardoado o equipo de investigadores de Atapuerca polo "extraordinario labor científico, arqueolóxico e paleontolóxico desenvolvido nun xacemento que non só vai revelando os misterios da evolución humana, senón que coa súa enorme proxección internacional situou a España como pioneira neste campo".

Compartir: