ALCALDÍA

David Attemborough recolleu o Premio Fonseca 2010 e visitou o Concello

18/11/2010 O naturalista David Attenborough, un dos pioneiros en realizar documentais de natureza, recolleu nun acto público o Premio Fonseca 2010, convocado polo Consorcio de Santiago e a USC no marco do Programa ConCiencia. Este divulgador científico inglés colleu así o relevo de Stephen Hawking e James Lovelock, premiados nas dúas primeiras edicións.

Pouco antes de recibir o Premio Fonseca nun acto público celebrado no Auditorio de Galicia, David Attemborough pasou polo Concello, onde foi recibido alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O divulgador británico asinou no Libro de Honra e recibiu como agasallo do alcalde un gravado da cidade.

Xa no Auditorio, Attemborough recibiu o galardón, consistente nun diploma acreditativo, nunha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada polo escultor Ramón Conde e nunha dotación económica de 6.000 euros. No acto, o naturalista pronunciou unha conferencia pública titulada Paxaros do paraíso.

Cinco décadas de dedicación
O británico Sir David Attenborough (Reino Unido, 1926), é posiblemente o naturalista e divulgador máis coñecido do mundo, cunha carreira que abrangue case cinco décadas, tras as cales se pode afirmar que é a cara e a voz máis respectada dos programas sobre natureza e historia natural. Unha proba disto é que hai catro especies de animais e plantas que incorporan o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii.

Hai poucos lugares no globo que el non visitase na súa ansia de descrición da vida no planeta. Comezou a súa carreira na BBC en 1952, dando o salto ás expedicións polo mundo adiante que o farían famoso coa serie da BBC Zoo Quest (1954-1964), na cal xa deu renda solta á súa paixón por capturar as pegadas da vida salvaxe no seu hábitat natural.

Pero sobre todo, a partir de 1979, consagrouse como a principal figura mundial na realización de programas de televisión sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animal: Life on Earth, da BBC, que foi vista por máis de 500 millóns de persoas e marcou un antes e un despois na divulgación científica na televisión.

A estas seguiron outras moitas da serie Life, da Unidade de Historia Natural da BBC, nas que se amosaba a vida natural como nunca antes se vira (con polémica incluída, ao amosar imaxes de baleas asasinas cazando leóns mariños ou chimpancés matando a monos doutras especies). O seu labor divulgativo vese complementado con máis de 20 libros de grande éxito de vendas. Como naturalista ten sido unha das principais figuras públicas na defensa do medio ambiente.

Á marxe desa actividade destaca polo seu importante rol directivo na televisión británica. Foi Director da BBC2 entre 1965 e 1968, período no cal propiciou o gran cambio á televisión en cor no Reino Unido. Posteriormente ocupou o cargo de director de programación da BBC de 1969 a 1972. En 1973, cando o seu nome soaba con forza como director xeral da cadea, decidiu abandonar os labores directivos e volver á súa faceta de creador de documentais e escritor.

Ao longo da súa carreira recibiu os máis altos recoñecementos, entre os que se atopa o Premio Descartes de Comunicación da Ciencia da Unión Europea (foi o primeiro gañador) e o Premio Príncipe de Asturias 2009 de Ciencias Sociais.

Compartir: