ALCALDÍA

A Executiva do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España reúnese en Santiago e reafirma o seu apoio ao Ano Xacobeo

17/11/2010 A Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, formada polos alcaldes de Santiago, San Cristóbal de La Laguna, Salamanca, Segovia e Toledo, reunirase o venres 19 de novembro na cidade.

A Comisión elixiu Santiago como unha mostra máis do apoio que deu o Grupo ao longo de todo o ano á celebración do Xacobeo 2010. Neste sentido, ao día seguinte da reunión da Comisión, os alcaldes que integran o Grupo Cidades Patrimonio teñen previstas unha serie de actividades, entre as que se inclúen a realización de parte do Camiño de Santiago, o descubrimento dunha placa conmemorativa da peregrinación no Parque de San Lázaro e a asistencia á Misa do Peregrino, con invocación e ofrenda por parte do actual presidente do Grupo e alcalde de San Cristóbal de La Laguna, Fernando Clavijo Batllé.

Entrega do Premio Patrimonio 2010
O venres 19 pola tarde realizarase no Salón Nobre do Concello o acto de entrega do Premio Cidades Patrimonio, que este año recaeu na Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó e que recollerá o seu presidente, José Mª Pérez González "Peridis". Os méritos que se lle recoñecen a esta Fundación por parte do Grupo son a importante actuación en relación á conservación, restauración e mantemento do patrimonio románico que está realizando, así como o seu labor orientado ao desenvolvemento económico e social asumindo programas de formación e emprego a través das súas escolas-taller, fomentando a creación de pequenas empresas culturais, turísticas e artesanais que propicien o desenvolvemento sostible da zona na que actúa.

Compartir: