CULTURA

O IV Certame Galego de Bandas reúne 18 formacións no Auditorio

16/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o IV Certame Galego de Bandas de Música, que terá lugar do venres 19 a domingo 21 no Auditorio de Galicia.

García Conde destacou a importancia deste certame para dar a coñecer o traballo das bandas galegas, "que están a acadar un nivel moi alto", así como dos novos compositores galegos a través do Concurso de Composición, que chega á terceira edición. A concelleira tamén lembrou que se move moita xente en torno ás bandas e moi nova, constituíndo unha auténtica canteira para a música galega.

A FGBMP reúne 91 bandas de toda Galicia e conta con máis de 4.500 músicos federados, dos cales un 74% teñen menos de 30 anos e un 35% menos de 18. A anterior edición, que se celebrou tamén no Auditorio de Galicia, xuntou arredor de 6.500 persoas. A Federación naceu, segundo o seu presidente, Rubén Souto, co interese de proxectar o traballo das bandas e favorecer a profesionalización, que chegou en boa parte grazas ao nacemento de moitas escolas de música ao longo de todo o país. Neste contexto naceu o Certame, para darlle visibilidade a un gran traballo que están a realizar as bandas, que se preparan durante meses para participar neste concurso.

O domingo á noite terá lugar a clausura e a entrega de premios, tanto da interpretación das bandas como do III Concurso de Composición, cuxas obras gañadoras serán obrigatorias no certame do ano 2011. As obras gañadoras serán editadas e colgadas na web, para que outras bandas de todo o mundo as poidan interpretar.

Coa concelleira de Cultura e co presidente da FGBMP estaban presentes Antón Alcalde, gañador dos dous premios de composición do pasado ano; e Juan Eiras, compositor finalista na pasada edición.

No IV Certame Galego de Bandas participan 18 agrupacións de toda Galicia ordenadas por seccións. Velaquí os horarios dos concursos e as participantes:

Venres, 19 de novembro. 20:00 h

Sección terceira (bandas de ata 45 músicos)
Agrupación Musical de Belesar
Agrupación Musical da Guarda
Banda Municipal de Música de Guitiriz
Banda de Música de Chapela
Banda de Música de Arca

Sábado, 20 de novembro. 18:00 horas

Sección segunda (bandas de entre 46 e 60 músicos)
Banda de Música Xuvenil de Torroso
Agrupación Musical de Goián
Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia
Banda de Música Xuvenil de Barro
Banda de Música Popular de Rubiós

Domingo, 21 de novembro. 15:00 h

Sección primeira (bandas de entre 61 e 80 músicos)
Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas
Banda de Música de Vilagarcía de Arousa
Banda da Escola de Música de Rianxo
Banda de Música Municipal de Valga
Banda-Escola de Música de Beade
Agrupación Musical de Vincios

Domingo, 21 de novembro. 21:00 h

Sección especial (bandas de máis de 81 músicos)
Unión Musical de Valladares
Banda de Música Municipal de Caldas de Reis

Compartir: