UMAD

Compostela acolle o Encontro Transnacional do Programa Habilitas

20/01/2006 Ata o domingo 22 de xaneiro, a UMAD (Unidade Municipal de Atención ao Drododependente) organiza en Compostela o Encontro Transnacional das entidades que desenvolven o "Proxecto Habilitas" incluído no programa europeo "Grundtvig-2" que ten como finalidade a educación de persoas con risco de exclusión.

O programa "Grundtvig-2", enmarcado no programa "Grundtvig" e subvencionado pola Agencia Nacional Sócrates, "traballa con persoas que se atopan en risco de exclusión social ou profesional por diversas razóns como: fracaso escolar, drogas, discapacidade física ou mental ou aqueles que arrastran problemas como a segregación, a intolerancia e os prexuízos", tal como explicou a directora da UMAD, Pilar Bermejo.

Isto concrétase no programa "Proxecto Habilitas" que busca construír unha imaxe positiva dos xoves en risco de marxinación integrándoos no sistema educativo, no mercado laboral e na sociedade en xeral. María Carou, psicóloga da UMAD e coordinadora do proxecto en Compostela, explicou que "un dos métodos elixidos para traballar é a elaboración de videos nos que se reflicten as boas formas de comportarse e de buscar emprego".

A este encontro, no que a UMAD actúa como anfitriona, asisten profesionais e participantes no proxecto de catro nacionalidades diferentes: Portugal, Finlandia, Italia e España.

A coordinadora deste proxecto de ámbito internacional e tamén o específico de Portugal, Ana Ribeiro, manifestou que no seu país tamén se traballan as habilidades sociais e profesionais para que os alumnos do "Proxecto Habilitas" acadan coñecementos sobre temas diversos como, por exemplo, aprender a comportarse nunha entrevista de traballo.

Estas asociacións de aprendizaxe para a educación de persoas adultas reciben axuda financieira durante un e dous anos. Neste senso a Axencia Nacional Sócrates concedeu ao Concello de Santiago 8.500 euros para subvencionar o "Programa Habilitas".

Durante o encontro a sede da UMAD acollerá diferentes reunións de traballo que se complementarán con visitas culturais á catedral, á zona vella e ao Museo do Pobo Galego entre outros lugares emblemáticos da cidade.

Compartir: