PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá abre a Casa das Asociacións ás novas tecnoloxías

15/11/2010 Participación Cidadá 2.0 é a denominación da nova oferta que a Casa das Asociacións presenta aos veciños de Compostela. Isto é posible grazas á posta en marcha da Aula de Informática e dunha serie de talleres co obxectivo de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías.

A concellería de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova área da Casa das Asociacións, que ademais de permitir o libre acceso a internet na Zona Wifi habitual, incorpora ordenadores portátiles para o uso de todos os composteláns. Trátase dun espazo dixital asociativo, destinado tamén a mellorar a xestión das propias entidades e a axudalas a deseñar, desenvolver e xestionar redes sociais.

Coa posta en marcha desta Aula tamén se preparou un programa inicial de talleres. O primeiro, xa comezado e impartido pola empresa Unayta, é un obradoiro de iniciación ás novas tecnoloxías. O seguinte taller, tamén de balde, dedicarase á xestión das asociacións veciñais. Impartido por Eganet a partir de xaneiro de 2011, instruirá sobre as facilidades e melloras que ofrece a aplicación Xestora. Está dirixido a directivos ou persoal de xestión dada asociacións.

As redes sociais serán obxecto doutro taller. Trátase de comprender as claves destas redes e de coñecer os códigos e condutas para integrarse nelas. O curso terá lugar en tres sesións: 16 de decembro, de 19:00 a 21:00 horas; 17 de decembro, de 18:00 a 21:00 horas; e 18 de decembro, de 10:00 a 13:00 horas. Está aberto o prazo de inscricións ata completar as 20 prazas. O custo co taller é de 35 euros.

Portal dixital de asociacións
A Concellería de Participación Cidadá pretende tamén crear un portal dixital activo de asociacións, onde 25 entidades, inicialmente, poderán ter o seu espazo de interacción e comunicación interna e cara a cidadanía. A partir de xaneiro, nestes 25 sub portais, as asociacións poderán albergar axendas, notas de prensa, fotos, vídeos, descarga de documentos, etc.

Co obxectivo de que as asociacións poidan xestionar estas webs, convocarase un curso de formación para membros das mesmas responsables dos portais. Serán cinco sesións de tres horas cada unha.

Finalmente, dirixido a nenos, adultos e terceira idade, e en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística, realizaranse sesións de Videoxogos en galego para tod@s a partir de xaneiro.

Compartir: