MEDIO AMBIENTE

Monte de Deus recupérase para o uso veciñal e terá un miradoiro a 375 metros de altura

12/11/2010 Nos próximos días iniciaranse as obras da fase II de Monte de Deus, que se executarán sobre unha parcela de 24.000 metros cadrados situada na parte superior á zona xa acondicionada anteriormente. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, explicou aos medios de comunicación en que van consistir estes novos traballos, que se desenvolverán nun prazo de dous meses "se as condicións ambientais non o impiden".

A edil resaltou que "toda a intervención neste monte responde ao obxectivo de acrecentar o valor ambiental e social deste espazo natural", porque é "unha zona dende a que se pode gozar dunhas magníficas vistas sobre a cidade e, ao mesmo tempo, estamos nun espazo que é moi visible dende diferentes puntos de Compostela; non é de sorprender, polo tanto, que un dos obxectivos da intervención sexa a mellora da paisaxe".

O Monte de Deus é unha parcela pública duns 30.000 metros cadrados situada no monte do mesmo nome, na zona norte da cidade, concretamente en Vite de Arriba, dividida en dúas zonas por unha pista asfaltada. Despois de ter acondicionado a zona inferior trátase agora de actuar sobre a zona superior ata a cima do monte, a 375 metros de altitude. Elvira Cienfuegos explicou como "na actualidade medran, nesta zona, sobre todo piñeiros, algúns eucaliptos e outra vexetación arbustiva; agora parte do arborado vaise substituír por exemplares de frondosas de especies como carballos, castiñeiros, faias ou cerdeiras, que son de especial interese para a fauna, de vertebrados e invertebrados, mais tamén para a veciñanza, que poderá gozar dos seus froitos, cores e cambios estacionais".

Urbana Santiago Norte
Esta nova intervención intégrase dentro da iniciativa europea Urbana Santiago Norte e a súa execución custará 86.438 euros máis IVE, "pretendéndose pór en valor este espazo, recuperándoo para usos comunais e restaurándoo medioambiental e paisaxisticamente, para que aumente a súa biodiversidade e as súas variacións estacionais", incidiu a edil. Alén da nova vexetación, na actuación tamén se aproveitarán as depresións producidas pola extracción da pedra para conformar zonas húmidas, con vexetación propia que sirvan de acubillo e alimento aos animais. Tamén se establecerá un camiño en zigzag, cun percorrido duns 700 metros que chegará ata a cima, onde se situará unha atalaia, observatorio sobre a cidade e a comarca de Compostela.

O resultado final será "un espazo cambiante cun acrecentado valor paisaxístico, recreativo, ambiental e social, un espazo público na periferia dunha zona residencial de densidade media na que se combinan as novas edificacións co antigo núcleo de Vite de Arriba e no que se conservan costumes e usos en relación ás actividades sociais e o uso do espazo exterior común, nomeadamente no relativo á auga, como o das lavandeiras", engadiu a concelleira.

A fase I de Monte de Deus
En xuño de 2009 inaugurouse a intervención realizada nos 6.000 metros cadrados que ocupan a parte baixa do Monte de Deus. Grazas ao financiamento dos fondos FEDER "púidose realizar unha actuación que transformou un espazo degradado por sucesivas actuacións puntuais e con predominio de vexetación pirófita espontánea, nun equipamento de lecer para veciñanza e cun miradoiro privilexiado sobre Santiago", lembrou. Unha actuación que consistiu na eliminación de entullos, no desbroce da vexetación e na conformación dun camiño en zigzag ata chegar ao actual miradoiro.

Ademais, na parte media habilitouse tamén unha área de usos polivalentes, que agora pode ser utilizada polos veciños para celebrar as festas do barrio, festexar os magostos... "Completouse a actuación coa instalación de mobiliario, integración do depósito de auga no contorno, mellora do contorno da fonte e do lavadoiro, recollida de pluviais e plantación con especies vexetais de baixo porte que non impidan ver as vistas sobre a cidade", concretou Elvira Cienfuegos.

Compartir: