ALCALDÍA

Sánchez Bugallo cualifica a visita do Papa Bieito XVI de "día histórico" e destaca a súa proxección internacional

12/11/2010 Pasados uns días dende a visita do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou de "día histórico" para a cidade o 6 de novembro. En especial, destacou a proxección internacional que tivo o evento, tanto polas cifras televisivas como polas mensaxes "extraordinariamente laudatorias" recibidas.

"Totalmente satisfeito" se declarou o alcalde a propósito da visita de Bieito XVI, resaltando o feito de que "os que tomaron a decisión de vir puideron disfrutar con comodidade" do evento. Non quixo entrar en cifras en canto ao número de participantes e indicou que "os réditos desta visita verémolos por moitos anos". Como exemplo, dixo, "case se pode anticipar que na ponte da Constitución haberá unha marca histórica de ocupación".

Non obstante, Sánchez Bugallo apuntou de novo os tres erros que, ao seu xuízo, puideron restar afluencia o 6 de novembro: "os prezos e a transcendencia que se lle deu a iso; que ao tempo que anunciabamos as medidas de seguridade, houbera xente que pensara que podía haber algún problema; e que por parte da quen organizou se dera por sentado que ía a vir xente que logo non veu".

Preguntado polos gastos municipais con motivo desta visita, apuntou que "a finais de mes quedarán establecidas as cifras definitivas", pero resaltou que eran os propios dun acontecemento coma este: reforzo do servizo de limpeza, de parques e xardíns, de seguridade... Tras recordar que os gastos dos reforzos dos traballadores municipais se satisfarán coa partida para horas extraordinarias, afirmou tamén que "de momento, ningunha empresa concesionaria nos pasou de momento factura algunha". En calquera caso, concluíu, "será incomparable o custo coa repercusión" do evento.

Liñas de baixo custo
O alcalde tamén se referiu na rolda de prensa ás negociacións en torno ás conexións internacionais de baixo custo dos aeroportos galegos, indicando que entran xa na "fase decisiva". "Queremos que se garantan para Santiago, cando menos, os mesmos servizos que en 2010", dixo, recalcando que "nestes momentos non está rotas nin pechadas as negociacións nin con Ryanair nin con ninguna outra compañía". Expresou o seu "razoable optimismo" e a súa confianza en que neste mes se vaian pechando os acordos.

Transporte metropolitano
O terceiro tema do que falou Sánchez Bugallo foi o transporte metropolitano, tras a aprobación "non sen tempo" polo Consello da Xunta, o xoves 11, do convenio bilateral co Concello para instalar as máquinas canceladoras e para adquirir tres novos autobuses. Amosou a disposición municipal a asinar tanto o convenio xeral coma o bilateral a vindeira semana, "en canto o conselleiro o encaixe na súa axenda" e insistiu en que "con isto, quedaron en evidencia os que lle botaban a culpa ao Concello do retraso nos convenios".

Anunciou que xa se tomara a previsión de encargar os tres autobuses no mes de xuño, co obxectivo de que sexan subministrados en torno aos meses de marzo ou abril. Tamén foron encargadas as máquinas canceladoras, para que estean a disposición municipal antes do 20 de decembro.

Compartir: