CONSORCIO

As obras da nova sede do Museo de Historia Natural entran na fase final

11/11/2010 En outubro de 2009 colocábase a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", edificio deseñado polo arquitecto César Portela e que compartirá espazo, no interior da Finca de Vista Alegre, con outros equipamentos culturais e universitarios como a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Centro de Estudos Avanzados e o edificio da Sociedade Xeral de Autores. Agora, entrados xa na fase final, estímase que as obras de construción rematen no primeiro trimestre do próximo ano. O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras, acompañado polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Co novo Museo de Historia Natural complétase, polo tanto, este singular espazo no que foron acomodándose diferentes ámbitos menores capaces de transportarnos a un conxunto urbanístico de arquitectura harmónica. O Consorcio de Santiago, propietario do novo edificio do Museo de Historia Natural, asumiu a construción, execución e financiamento do proxecto, o que supón unha inversión total de 3.909.280 euros. Pola súa parte será a propia Universidade a que xestionará o museo. A execución dos traballos corre a cargo da unión de empresas Acciona-Tuconsa.

O programa museográfico preparado dende a USC converterá o futuro centro nun novo atractivo para os veciños e visitantes de Compostela, precisamente nunha área -a das ciencias naturais- de capital importancia para comunidade universitaria santiaguesa e que contribuirá ao posicionamento de Santiago como cidade do coñecemento. Así, o novo museo permitirá que a cidadanía se familiarice coa ciencia e a tecnoloxía, promovendo o necesario diálogo entre ciencia e sociedade.

O Museo de Historia Natural da USC será un transmisor directo do saber científico xerado pola institución universitaria cara a toda a sociedade. Neste sentido, cómpre salientar que vai combinar a mostra permanente con exposicións temporais, potenciando a faceta didáctica e o emprego das novas tecnoloxías.

O museo incluirá un espazo de investigación e un espazo pedagóxico, para a acollida de grupos e de escolares. Por áreas, ofrecerá un panorama global sobre a biodiversidade e a xeodiversidade, con especial atención ao mundo mariño e a Galicia. Tamén incorporará unha biblioteca e un salón de actos.

O proxecto
O proxecto de construción parte da profunda relación do edificio co conxunto urbanístico no que se inserta dentro do parque de Vista Alegre. Isto quere dicir, en opinión do arquitecto César Portela, que o novo museo non se pode concibir á marxe da súa situación nin do seu emprazamento.

O aspecto formal do edificio semella unha serie de cubos que se agrupan e dilúen coma se o museo fose un animal vivo que se despraza sobre mil patas, encolléndose e estirándose, en opinión de César Portela. A superficie total é de 4.252 metros construídos.

Os fondos do Museo
O Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", que a día de hoxe está nos baixos da facultade de Química, constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, sendo continuador do Gabinete de Historia Natural, creado por Antonio Casares na Universidade de Compostela durante o curso 1840-41.

Todo este patrimonio fixo do Museo de Historia Natural un escaparate do mundo natural, en xeral, e da ciencia galega en particular. A través das súas coleccións podemos facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos séculos XIX e XX. Deste xeito, o novo edificio servirá para amosar o destacado lugar que a ciencia ocupa na cidade de Santiago, pois coa escaseza dun local axeitado nestes momentos para o propio museo, os cidadáns non poden coñecer máis da metade do valioso patrimonio científico que o museo atesoura. O que, unido á calidade e cantidade dos fondos universitarios, permitirá o establecemento dun centro de referencia no que respecta ao patrimonio científico, insubstituíble e específico, xa que recolle o que foron os resultados da ciencia concreta que se realizaba dentro e fóra de Galicia a través de científicos galegos. Un valor que se complementa coa labor que se desenvolve no centro, grazas á continua achega de materiais procedentes da investigación científica.

O Museo de Historia Natural conta cunha das maiores coleccións privadas de Europa, formada por máis de 25.000 lotes e 250.000 exemplares de moluscos, doazón recentemente realizada por Emilio Rolán.

Nacido cunha vocación claramente didáctica e investigadora, polo centro pasan máis de vinte mil estudantes de todos os niveis do ensino ao longo do curso académico.

Documentos relacionados



Compartir: