BENESTAR SOCIAL

O Programa Municipal de Educación de Rúa xa ten o seu xornal mensual

10/11/2010 Xa está na rúa o primeiro número de O Mirador, o xornal impulsado polo Programa Municipal de Educación de Rúa, da Concellería de Benestar Social, coa colaboración de todas as entidades que dende hai tempo veñen traballando no barrio de Fontiñas.

"Que mellor vista para observar, analizar, participar, opinar, discutir ou admirar este traballo que …O Mirador", indican os responsables deste novo xornal, que fará público o traballo que dende o Programa de Educación de Rúa se realiza para actuar no tempo de lecer da poboación infantil e xuvenil. Esta iniciativa ofrécelles actividades que promoven neles un ocio saudable, ao mesmo tempo que se traballan outro tipo de valores que facilitan un desenvolvemento persoal e social pleno.

Á súa vez, o Programa impulsa o labor comunitario que se está levando dende hai anos no barrio de Fontiñas a través do traballo en rede das distintas entidades do barrio. Por isto, unha das actividades principais do Programa é a creación deste xornal mensual de barrio, elaborado entre as diferentes entidades e as propias persoas destinatarias do Programa.

Que o barrio medre, reforzando o sentimento de pertenza ao mesmo, axudando a xerar vínculos e interrelacións entre todas as persoas, institucións e organismos que o conforman, sen distinción de ningún tipo. Esta é a realidade que o Programa de Educación de Rúa quere facer posible. Para isto é primordial traballar coa poboación xuvenil, presente e futuro da comunidade, axudando a crear suxeitos activos e comprometidos co seu entorno. Este traballo unicamente é posible coa implicación e a colaboración de todas as persoas, xa que, como compoñentes dunha realidade mutua e compartida, é responsabilidade de todos e todas ser partícipes nos procesos que poidan significar o reforzamento ou a mellora do barrio.

Compartir: