CULTURA

Berrogüetto inaugura a nova temporada do ciclo Sons da Diversidade

10/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o concerto de Berrogüetto que inaugura a nova temporada de Sons da Diversidade, o ciclo de músicas do mundo que bota a andar todos os outonos dende 2004. Será o peche de xira de presentación do seu novo disco, Kosmogonías, que presentaron en rolda de prensa tres dos músicos do grupo: Quim Farinha, Guillerme Fernández e Santiago Cribeiro.

García Conde salientou que Berrogüetto é a única formación que repite concerto en Sons "por razóns obvias". Ademais, este concerto será dobremente especial, porque por primeira vez na súa historia van rexistralo en audio e vídeo para editar o ano vindeiro un CD/DVD desta actuación en directo. Contarán tamén cunha escenografía creada para a ocasión por Suso Montero, ademais da videocreación de Olalla Sendón, que os acompañou durante toda a xira.

O concerto celebrarase o sábado día 13 de novembro. O prezo é de 15 euros, cun 50% de desconto para menores de 25 anos e xubilados. Poden conseguirse as entradas na web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443 ata 24 horas antes de cada concerto, de 8:00 a 22:00 horas de luns a venres, sábados de 9:00 a 14:00 horas, domingos e festivos pechado. No despacho de billetes do Auditorio de Galicia a véspera e o día do concerto, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, ou por teléfono, baixo a forma de pago por tarxeta, e poderán ser retiradas ata media hora antes de comezar o concerto. Teléfonos: 981 571 026 e 981 573 979.

Sons da Diversidade
Sons da Diversidade naceu en 2004 como un ciclo de difusión das chamadas músicas de raíz e hoxe é un programa consolidado e agardado na axenda compostelá. Durante estes anos Sons achegou ás primaveras e aos outonos composteláns a música de máis de 60 artistas de todo o mundo: Michael Nyman, Rufus Wainright, Bebo Valdés, Riuychi Sakamoto, Rodrigo Leao, Adriana Calcanhoto, Goran Bregovic, Jane Birkin, Laurie Anderson, Khaled ou Femi Kuti foron só algúns deles.

Ademais, foi o escaparate máis importante das estreas musicais galegas de raíz: en Sons produciuse a volta aos escenarios de Fuxan os Ventos e tamén actuaron Milladoiro, Mercedes Peón, Berrogüetto, Marful ou Roi Casal, entre outros. Máis información na web: http://sons.compostelacultura.org

Berrogüetto
Berrogüetto é un dos grupos máis destacados do folc galaico, que mestura a paixón pola música tradicional e a experimentación máis contemporánea. Estes foron os argumentos cos que hai case quince anos irromperon de maneira brillante no panorama galego. Son os mesmos que os manteñen, cinco discos despois, como unha das propostas máis innovadoras e internacionais de Galicia. Ese compromiso creativo vén de renovarse con Kosmogonías, unha colección de sons orgánicos na que se plasma a alma do grupo.

En 1996 Berrogüetto revolucionou a música galega coa súa proposta: un tratamento moi fresco das melodías tradicionais, con interesantes harmonizacións modais e contrapuntos. Dende entón, a aparición de cada disco converteuse en todo un acontecemento. Navicularia, Viaxe por Urticaria, Hepta e 10.0 recibiron premios en Galica e no exterior e convertéronos nun dos nomes de referencia da world music en Europa.

Kosmogonías lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria. O berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós, unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara á consecución dun sistema de organización máis xusto. O directo de Berrogüetto transcende máis aló do son, supón unha experiencia na que se unen música, danza e imaxe.

Compartir: