NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras recoñece unha edición máis o uso da lingua galega nos negocios da cidade

10/11/2010 O Concello e Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela presentaron a décimo primeira edición do Premio Manuel Beiras. O galardón, organizado nesta ocasión polo concello compostelán, trata de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

A concelleira de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo; e o técnico do Departamento de Lingua Galega, Anxo Otero, presentaron esta edición, acompañados pola distinción que se entrega como premio. Consiste nunha escultura creada por Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto e cea de gala o 16 de decembro no Hotel Araguaney. As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata o 30 de novembro para presentar a súa documentación.

Durante os primeiros días de decembro celebraranse as reunións do xurado (2 e 9 de decembro), composto por tres representantes das empresas distinguidas en 2009, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua e do Colexio Oficial de Xornalistas.

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da Comunidade. As empresas que optan a este galardón son todas as que estean implantadas no municipio de Santiago. "Todos os anos increméntase o número de empresas de nova creación que incorporan o uso do galego, pero aínda temos que loitar polo seu asentamento e seguir promovendo o seu emprego a través deste premio" , indicou a concelleira.

As empresas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Oficina de Atención ao Cidadán do Concello e na Cámara de Comercio ou nas súas respectivas páxinas web: www.santiagodecompostela.gal ou www.camaracompostela.com.

Deben incluír tamén documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio. As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. "Temos que reivindicar a persoa de Manuel Beiras como un empresario do comercio en Santiago que estivo na primeira liña da vangarda e loitou polo dereito de todos os cidadáns a empregar e usar a lingua galega", apuntou Evaristo Rodríguez. Os galardoados na edición pasada foron: na categoría de nova incorporación, a tenda Pecados; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Localia Televisión; e con distinción especial, Libraría Pedreira.

Documentos relacionados



Compartir: