PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os empresarios coñecerán a través dunha xornada a mellor forma de posicionar o seu negocio nos buscadores de internet

10/11/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a xornada Mellora o SEO do teu negocio en internet xunto a unha das organizadoras, María Encinar, de Iniciador Galicia.

Enmarcada no programa de fomento do emprendemento do Concello, Compostela Activa, esta conferencia ten como o obxectivo mostrar ás persoas emprendedoras, empresariado e público en xeral, consellos, trucos e estratexias co obxectivo de mellorar o posicionamento das webs de negocios nos buscadores de internet. Celebrarase o xoves, 11 de novembro, de 19:00 a 21:00 horas no Hotel Araguaney e será impartida por Nico Castro, experto en SEO (Search Engine Optimization – Optimizacion para motores de busca en internet).

Mellora o SEO do teu negocio en internet é gratuíta e está organizada por Iniciador Galicia e a Concellaría de Promoción Económica. As persoas interesadas poden inscribirse ata o mesmo día 11, ás dúas da tarde, no formulario habilitado na páxina web da Concellaría, www.maiscompostela.org, ou enviando os seus datos ao correo electrónico galicia@iniciador.com.

A xornada comezará cunha breve presentación das persoas asistentes e continuará cunha sesión de traballo en común. A continuación terá lugar unha sesión de networking, na que se tratarán distintos temas como busca de financiamento, plans de negocio, promoción de produtos, provedores de servizos, etc

Iniciador
Iniciador Galicia é unha comunidade de persoas emprendedoras que ten como obxectivo fomentar e facilitar o "emprendizaxe" ou aprendizaxe do emprendemento. Con este fin, organiza mensualmente un evento no que se intenta dar resposta aos principais retos aos que se enfrontan as persoas emprendedoras e onde os/as participantes comparten coñecementos e experiencias. Iniciador Galicia forma parte dunha rede nacional que xa leva organizados máis de 279 eventos ata agora, en 34 cidades españolas, polos que pasaron uns dez mil emprendedores e 219 poñentes distintos.

En Santiago, o último evento programado foi Startup Weekend Galicia, celebrado en xuño. Baseado no networking e no traballo en equipo, reuniu a 50 persoas con talentos diversos, co obxectivo de, a través dunha idea, crear unha empresa en tan só 48 horas. Neste evento tamén colaborou a Concellaría de Promoción Económica a través do programa Compostela Activa.

Compartir: