REHABILITACIÓN

"Compostela Conta 2010" achega a arqueoloxía aos veciños da Cidade Histórica

09/11/2010 Compostela Conta chega á súa segunda edición para voltar incidir na importancia de coñecérmonos a historia e o patrimonio histórico de Santiago de Compostela. A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou a edición deste ano dun programa que desta volta centrarase na "posta en valor do traballo que se fai diariamente dende o servizo de arqueoloxía municipal, uns labores que permiten verter luz sobre moitos períodos históricos da cidade e que nos axudan a coñecer con maior detalle e precisión o noso pasado". A edil estivo acompañada, durante o seu encontro cos medios pola arqueóloga municipal Dolores Cerqueiro.

Olga Pedreira indicou como "despois de finalizar a maior parte das obras de reurbanización programadas dende a Concellaría, é o momento de divulgar entre a cidadanía todo o traballo arqueolóxico previo ás obras e durante as mesmas". Un traballo que comprende "memorias históricas, escavacións, volcado de documentación e un rigoroso control arqueolóxico", a través do que podemos chegar a coñecer "moito máis sobre a historia destes barrios da cidade vella, que neste caso son ademais zonas extramuros, que moitas veces pasan por ser as menos recoñecidas dende o punto de vista histórico".

A concelleira quixo salientar tamén que "as catro xornadas que desenvolveremos do martes ao venres da semana próxima quixemos facelas, ademais, contando coa colaboración das asociación veciñais dos barrios beneficiados das obras e en locais que estivesen o máis próximo posible ás zonas dos traballos arqueolóxicos". Así, dixo, "o martes estaremos na sede do COAG para falar das obras de San Clemente, Raxoi e Cruceiro do Gaio; o mércores no local da Asociación Cultural ‘O Galo’ falaremos da antiga muralla de Santiago e dos restos aparecidos en Raxoi; o xoves será o momento de falar das canalizacións históricas aparecidas no Espírito Santo, sendo a charla no Centro Social ‘O Pichel’; para finalizar o venres no Centro Sociocultural da Trisca para conversarmos sobre os achádegos do Mosteiro de San Pedro de Fóra e da Fonde de Ruibel, aparecidos nas obras no barrio de San Pedro e Belvís".

A historia de Santiago
A edil agradeceu ás asociacións veciñais Río Sarela, Cidade Vella, As Marías e A Xuntanza por prestarse a colaborar, cada unha delas nos seus barrios, así como ás asociacións e institucións que colaboran tamén cedendo os seus espazos para poder realizar estas xornadas, que serán sempre ás 20:30 horas. Colaborarán arqueólogos e técnicos da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación.

Para finalizar, Olga Pedreira quixo aproveitar para lembrar que "esta pode ser unha boa oportunidade para achegarse á historia e para valorizar xustamente os minuciosos traballos arqueolóxicos que se fan en Santiago. Así poderemos saber algo máis sobre as espectacular fonte do inferniño, sobre a cerca que rodeou Compostela durante varios séculos, sobre como chegaba canalizada a auga á cidade na Idade Media e Moderna ou algo máis tamén sobre a rúa máis antiga das situadas extramuros, como é a de San Pedro".

Compartir: