XUNTA DE GOBERNO

Iníciase a contratación da ampliación do Refuxio de Animais de Bando

09/11/2010 A Xunta de Goberno iniciou o expediente de contratación das obras de ampliación do Refuxio de Animais de Bando. Entre outros asuntos, adxudicou tamén o servizo de mantemento e nova instalación de sinalización horizontal e vertical, e a nova área de xogos de Fontiñas.

A contratación das obras do Refuxio de Animais de Bando permitirá realizar a ampliación deste centro. As obras financiaranse con cargo ao convenio subscrito no seu día coa Consellería de Medio Ambiente e teñen un tipo de licitación de 178.999 euros. O prazo de execución é de seis meses.

Circulación Viaria
No ámbito de Circulación Viaria, adxudicouse provisionalmente o servizo de mantemento, conservación e nova instalación de sinalización horizontal e vertical. Isto supón un importe máximo anual de 224.774 euros.

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, adxudicáronse as obras de remodelación da área de xogos infantís no barrio de Fontiñas. O importe do contrato é de 124.980 euros.

Benestar Social
Na área de Benestar Social, elevouse a definitiva a adxudicación do servizo de dinamización social, e igualdade de oportunidades no programa Urbana Santiago Norte, por 690.707euros. Grazas a este servizo desenvolveranse diversos programas integrais, con actuacións en materia de igualdade de oportunidades; apoio, acollida e integración de inmigrantes; dinamización sociocultural e integración para o colectivo xitano.

Ademais, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para o compartimento dos sistemas de información do SIGAD (Sistema Galego de Atención á Dependencia). Isto suporá unha forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizacionais de cada un deles, para un mellor cumprimento dos fins de ambas partes.

O compartimento dos sistemas de información facilita o seguimento puntual da tramitación dos expedientes presentados diante da Administración autonómica, cálculo de tempos de espera e, no seu caso, busca de recursos alterativos ata que se proceda á súa resolución.

Outro convenio ao que se deu o visto bo é o que se asina coa USC para o programa Ruptura de parella e non de familia, polo que o Concello achega 30.000 euros.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, iniciouse a contratación de varios subministros de mobiliario, equipamento informático e complementario, utillaxe e servizos. En concreto, destínase un tipo de licitación de 58.000 euros para o subministro de mobiliario a diferentes centros socioculturais; 39.998 para equipamento informático e material complementario; e 24.979 euros para utillaxe da rede municipal de centros socioculturais.

Ademais, iniciouse o expediente para contratar, por 40.120 euros, o servizo de deseño, elaboración de contidos, produción, execución e construción de elementos expositivos da mostra gráfica e audiovisual itinerante A memoria da xente. Esta mostra abordará a cidade no seu conxunto no decurso do primeiro terzo do século XX a través das imaxes das súas xentes, dos seus oficios, do seu lecer e das transformacións da paisaxe urbana.

Xuventude
Outro dos acordos do Goberno local foi a contratación de material para o Centro Xove de Creación Cultural. Dedícanse 53.694 euros para o subministro de mobiliario e outros 38.856 euros para equipamento de son e iluminación.

Infraestruturas
Como urxencia, incluíuse na orde do día a aprobación do proxecto modificado das obras de reurbanización do contorno urbano entre Romero Donallo, Santa Marta, Choupana e Volta do Castro. O modificado ten un custo de 424.170 euros e realizarao a empresa adxudicataria do contrato principal.

Mobilidade
En Mobilidade, elevouse a definitiva a adxudicación do servizo de elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. por importe de 93.220 euros. Este documento pretende definir un novo servizo de transporte público urbano e metropolitano; desenvolver novas políticas de tráfico compatibles co apoio ao transporte público, establecer pautas de actuación en materia de estacionamento; integrar nas políticas de mobilidade as actuacións urbanísticas e potenciar os modos non motorizados (bicicleta) e a mobilidade peonil.

Cultura
Finalmente, e a proposta da concelleira de Cultura, aprobáronse convenios coas seguintes entidades: Seráns en Compostela (2.000 euros), Curso Universitario Internacional Música en Compostela (5.000 euros) e Fundación Vía Galego (10.000 euros).

Documentos relacionados



Compartir: