BENESTAR SOCIAL

Unha nova guía achega aos cidadáns información básica sobre as prestacións dos servizos sociais do Concello de Santiago

08/11/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou a Guía de Servizos Sociais. Esta nova publicación ofrece a través de sinxelas fichas, información básica sobre algunhas das prestacións que ofrece o Departamento.

As fichas informan definen cada unha das prestacións e o que ofrecen, a quen van dirixidas e onde están. Segundo indicou Mar Martín, editáronse inicialmente catro fichas, ás que se irán incorporando outras relativas a servizos como o Centro de Atención á Muller, a Unidade de Atención ás Familias, a Unidade de Atención ás Migracións, etc. O obxectivo da Guía, indicou, é "aproximar so Servizos Sociais aos barrios e darlle unha orientación sociocomunitaria".

A carpetiña que recolle as primeiras fichas e as que se editarán posteriormente, inclúe un mapa orientador e as direccións dos cinco Puntos de Atención de Servizos Sociais cos que conta o Concello: Conxo, Galeras, Fontiñas, Cabes (Casa das Asociacións de Benestar Social) e Ensanche. A estes puntos dedícase unha das fichas, resaltando que dende eles as traballadoras sociais e outros profesionais atenden á cidadanía o máis preto posible aos ámbitos familiar e social. Cómpre lembrar que neles se ofrece orientación sobre os recursos sociais e prestacións, asesoramento, xestión na tramitación de prestacións, apoio e alternativas á convivencia, apoio á familia, derivación aos servizos sociais específicos, etc.

Outra rama dos Servizos Sociais é a participación social. Esta articúlase principalmente a través da Casa das Asociacións de Benestar Social, recentemente aberta na rúa Manuel María (Salgueiriños) e dos consellos municipais de Servizos Sociais, Persoas Maiores, Migracións e Muller, ademais do apoio directo a través do tecido social coa sinatura de convenios de colaboración. Neste ano 2010 asináronse 26 convenios con outras tantas entidades.

O Servizo de Axuda no Fogar ten outra ficha específica, no que se recorda que está dirixido ás persoas ou familias que o precisen, principalmente ás persoas maiores, persoas con discapacidade e nos fogares de familias con menores en necesidade de intervencións socio-educativas.

Finalmente, tamén conta cun apartado propio o Programa de Inclusión Sociolaboral, dirixido ás persoas residentes en Santiago con especiais dificultades para a súa integración no mercado de traballo. O equipo municipal destinado a este cometido ofrece información, orientación e asesoramento laboral; orientación para a formación; promoción de habilidades sociais e formación prelaboral; e intermediación laboral. Todo isto complementado por unha bolsa de emprego e polo contacto con empresarios e empresas potencialmente ofertantes.

As Guías serán repartidas en centros socioculturais, asociacións veciñais, entidades de iniciativa social, xulgados, centros de saúde, etc.

Compartir: