VISITA DO PAPA BENEDICTO XVI

Sánchez Bugallo destaca o éxito dunha xornada na que "todo aquel que quixo ver ao Papa puido facelo"

06/11/2010 Milleiros de persoas encheron as rúas compostelás para presenciar o paso da Súa Santidade o Papa durante o percorrido que realizou dende o aeroporto ata a praza da Inmaculada e na posterior Eucaristía. Rematados os actos e pouco despois de despedir ao Papa aos pés do avión que o levaría a Barcelona, o alcalde compostelán, Xosé A. Sanchez Bugallo, declarouse moi satisfeito por como transcorrera a xornada. "Todo aquel que quixo vir a Santiago a ver ao Papa puido facelo con total normalidade", indicou, valorando o bo funcionamento de todo o operativo disposto.

O avión papal tomou terra en Lavacolla entre unha intensa néboa a iso das 11:20 horas. Ao pé do avión recibírono os Príncipes de Asturias, don Felipe e dona Letizia,e o arcebispo compostelán, Julián Barrio. Logo, o Santo Pai recibiu honras como xefe de Estado, coa interpretación dos himnos nacionais do Vaticano e de España.

O Papa e os Príncipes dirixíronse a continuación á tribuna de autoridades. Alí, Bieito XVI saudou ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; ao vicepresidente primeiro do Goberno e ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba; ao ministro de Fomento, José Blanco; ao ministro de Xustiza, Francisco Caamaño; ou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, entre outras autoridades civís, militares e eclesiásticas.

Tras os saúdos, momento para os discursos. O Príncipe Felipe expresou a "gran honra e alegría" que supoñía para el darlle ao Papa "a benvida cordial e máis respectuosa a España en nombre dos Reis, das institucións e de todos os españois". Recordou as dúas visitas do seu predecesor, Juan Pablo II, e como dende entón se produciu unha "verdadeira eclosión en número de peregrinos e camiñantes que chegan a Compostela".

A Súa Alteza referiuse ao seu propio percorrido dun tramo do Camiño en maio, destacando a "dimensión universal" do mesmo e o seu papel como "gran camiño de encontro e diálogo" e "símbolo de concordia e fraternidade". "É o primeiro proxecto europeo común e un regalo da historia para España e para os cidadáns de todo o mundo", engadiu.

A Bieito XV agradeceulle o seu "compromiso coa paz e dignidade do ser humano" nestes tempos difíciles e a súa "voz comprometida e solidaria cos problemas de tantos pobos e seres humanos".

Aos pés de Santiago coma un peregrino máis
O Papa agradeceu as palabras do Príncipe e recordou que el vén a Santiago como peregrino, para "unirme á longa ringleira de homes e mulleres que ao longo dos séculos chegaron a Compostela dende todos os rincóns da Península e de Europa, e incluso do mundo enteiro, para porse aos pés de Santiago e deixarse transformar polo testemuño da súa fe". El tamén se referiu a como, a través do Camiño, "España e Europa foron desenvolvendo a súa fisionomía espiritual".

Lembrou as dúas visitas precedentes de Juan Pablo II e convidou a España e Europa a "edificar o seu presente e proxectar o seu futuro, dende a verdade auténtica do home, dende a liberdade que respecta esa verdade e nunca a fire, e dende a xustiza para todos, comenzando por os máis pobres e desvalidos". Bieito XVI rematou esta súa primeira intervención amosando, en galego, "o seu agarimo e proximidade aos amadisimos fillos de Galicia, de Cataluña e dos demais pobos de España".

Rematados os discursos, a Súa Santidade mantivo un encontro privado cos Príncipes de Asturias, co vicepresidente primeiro do Goberno e co presidente da Xunta, para logo emprender o seu percorrido cara Santiago pola estrada N-634, acompañado no Papamóbil polo arcebispo compostelán, Julián Barrio, e polo seu secretario particular, Georg Gänswein. Antes, aínda no propio aeroporto e a bordo do vehículo, recibiu nos seus brazos e bendeciu tres bebés que se atopaban entre o público.

Durante o percorrido, o Papa puido saudar aos milleiros de persoas distribuídas nas beirarrúas, moitas delas reunidas en grupos organizados procedentes de parroquias ou colectivos de Santiago, Galicia e diversos puntos de España. A comitiva reduciu a velocidade en San Lázaro, onde o Pontífice puido escoitar as notas da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e nas Cancelas, lugar no que o agardaban varios centos de nenos dos colexios católicos con globos amarelos. Alí tamén puido observar a súa estatua, recentemente inaugurada. Bieito XVI entrou no Casco Histórico por Xoán XXIII, San Francisco e subiu á praza da Inmaculada rodeando o Palacio Arcebispal

Percorrido pola Catedral
Xa na Catedral, Julián Barrio entregoulle a Bieito XVI a auga bendita e o Deán un crucifixo para bendecir o templo. No interior agardábao unha representación de 700 persoas da diocese de Santiago, con nenos, catequistas, anciáns, enfermos, etc. Tras uns instantes de oración na capela da Comunión, o Papa saudou dende as escaleiras ás persoas presentes na praza do Obradoiro. Posteriormente visitou o Pórtico da Gloria e dirixiuse á Quintana, para entrar pola Porta Santa. Alí tamén saudou aos congregados na praza.

Como os milleiros de peregrinos e visitantes que este Ano Santo se achegaron ata a Catedral, a Súa Santidade baixou á cripta para rezar ante os restos do Apóstolo. Despois, no altar maior, o arcebispo compostelán deulle a benvida a Bieito XVI "a esta Casa do Señor Santiago que século tras século e ano tras ano veu acollendo tantos peregrinos que queren encontrase con Xesús da man do Apóstolo Santiago, amigo e testemuña do Señor". Definiu o Ano Santo Compostelán como "unha chamada á esperanza cristiá" e ao Papa como portador da "bandeira da esperanza".

Bieito XVI agradeceu en galego as palabras do arcebispo e insistiu en que el vén a Santiago como tantos milleiros de peregrinos que veñen a Santiago "desexosos de fortalecer o seu espírito co testemuño de fe e amor do Apóstolo". Afirmou que el tamén quixo peregrinar á Catedral compostelá, cando vai celebrar o 800 aniversario da súa consagración.

Ademais de indicar que a Igrexa debe aspirar á verdade, á liberdade e á xustiza, "sen as que o home se perdería a si mesmo", definiu a Compostela como "corazón espiritual de Galicia" e "escola de universalidade sen confíns". Finalmente, tivo unha lembranza para a crise económica e para as catástrofes naturais que asolan a diversos países. Tras os discursos e unha oración, a Súa Santidade puido observar o funcionamento do botafumeiro.

Algúns datos
Uns 4.600 policías e 1.200 gardas civís encargáronse de velar pola seguridade do Papa e dos milleiros de persoas que nesta xornada se congregaron en Compostela. Xunto a eles, traballaron ao longo do percorrido 500 voluntarios de Protección Civil e do Xacobeo, e outros 500 voluntarios realizaron o seu labor no Obradoiro, na Quintana, na Catedral e en San Martiño Pinario. Máis de 1.500 xornalistas e gráficos acreditáronse para seguir os actos.

Direccións relacionadas



Compartir: