PROMOCIÓN ECONÓMICA

Xornada sobre estratexias para mellorar o posicionamento das empresas nos buscadores de internet

04/11/2010 A concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo colabora con Iniciador Galicia na organización da xornada Mellora o SEO do teu negocio en internet, enmarcada no programa de fomento do emprendemento Compostela Activa. O obxectivo da conferencia, que será impartida polo experto en SEO (Search Engine Optimization – Optimizacion para motores de busca en internet-) Nico Castro, é mostrar ás persoas emprendedoras, empresariado e público en xeral, consellos, trucos e estratexias co obxectivo de mellorar o posicionamento das webs de negocios nos buscadores de internet.

Mellora o SEO do teu negocio en internet é gratuíta e celebrarase o xoves 11 de novembro, de 19:00 a 21:00 horas no Hotel Araguaney (Alfredo Brañas, 5). As persoas interesadas poden inscribirse no formulario habilitado na páxina web da Concellaría, www.maiscompostela.org, ou enviando os seus datos ao correo electrónico galicia@iniciador.com.

Iniciador é unha comunidade de persoas emprendedoras que ten como obxectivo fomentar e facilitar o "emprendizaxe" ou aprendizaxe do emprendemento. Con este obxectivo, organizan actividades de emprendedores para emprendedores, nas que se poden compartir coñecementos, experiencias e á vez fomentar a cultura empresarial. Todos os eventos, incluído como Mellorar o SEO do teu negocio en internet, comezan cunha breve presentación das persoas asistentes e continúan cunha sesión de traballo en común. A continuación ten lugar unha sesión de networking, na que se tratan distintos temas como busca de financiación, plans de negocio, promoción de produtos, proveedores de servizos, etc. Polos máis de 279 eventos organizados en 34 cidades españolas, pasaron uns dez mil emprendedores e 219 poñentes distintos.

En Santiago, o último evento programado foi Startup Weekend Galicia, celebrado en xuño. Baseado no networking e no traballo en equipo, reuniu a 50 persoas con talentos diversos, co obxectivo de, a través dunha idea, crear unha empresa en tan só 48 horas. Neste evento tamén colaborou a Concellaría de Promoción Económica a través do programa Compostela Activa.

Compartir: