PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións acolle a presentación artística do colectivo 20º 65% coa súa primeira mostra, "Identitas"

04/11/2010 O venres, 5 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), terá lugar a presentación pública do Colectivo Artístico 20º 65% (20ºC e 65% de humidade, condicións óptimas para conservar unha obra de arte). Unha mostra baixo o título Identitas serve de posta de longo para este grupo.

O Colectivo fórmase na capital de Galicia, a partir da realización da Mestría de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, organizado polo Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, durante o curso académico 2009/2010 e en colaboración co CGAC. Constituído por nove mulleres cunha formación heteroxénea e procedentes de distintos ámbitos do coñecemento, coinciden na arte.

Na mostra que serve como presentación do Colectivo, Identitas, será posible ver propostas de fotografía, audiovisuais, pintura, gravado, escultura ou instalación, que xiran ao redor da visión que as distintas creadoras teñen do concepto identidade.

Un constante constituírse no tempo e en diálogo cos outros, coas circunstancias externas e co propio interior, un recordo, unha experiencia ou unha fisura, un afincamento xeográfico, de procedencia e orixe, unha dualidade, un desdobramento, ou un camiño aberto en múltiples direccións… son algúns dos aspectos a través dos cales abordan este punto de partida no comezo da súa andaina artística.

A Concellería de Participación Cidadá programa esta mostra, que estará aberta ata o 26 de novembro en horario de mañá, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas; sábados de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes, de martes a sábado, de 16:30 a 21:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: