CONSORCIO

Un proxecto de Medellín, en Colombia, gaña o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2010

02/11/2010 A cidade de Medellín, en Colombia, fíxose co Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, na súa edición de 2010. O xurado elixiu o proxecto do Parque do Campo Santo Villatina como o mellor entre o total dos 33 aspirantes ao galardón.

A idea gañadora forma parte dun ambicioso plan urbán que consolidará un cinturón verde para a cidade de Medellín, a segunda cidade máis importante de Colombia, con algo máis de dous millóns de habitantes. O promotor do proxecto é a alcaldía de Medellín.

Trátase dun "ecoparque" ubicado na mesma zona na que en 1987 un aluvión de terra provocou a destrución dun barrio enteiro, no que pereceron máis de 500 persoas. Dende entón, nese lugar conmemórase o aniversario da traxedia cunha cerimonia relixiosa, xa que todo o lugar foi declarado camposanto. É, polo tanto, un área de moi marcada significación espiritual e con gran sentido de pertenza entre a poboación local. Precisamente foi esta mesma comunidade a que, a partir de métodos de participación e a través de talleres imaxinativos e actividades sociais, sentou a base da proposta.

O proxecto consiste na creación dun parque con vocación ecolóxica, para a consolidación urbana desta zona perimetral na que a cidade se encontra coa natureza que a rodea. Como parte deste conxunto plantéxase a construción dun edificio destinado a espazo de encontro e recollemento da comunidade. Precisamente este edificio, denominado "In memoriam", sería o destinatario da contía do premio, 180.000 euros. Isto suporá que o premio cubrirá o 80% do orzamento. Esta nova construción, de 248 metros cadrados, englobarase nun gran parque público, de 18.000 metros cadrados. O edificio, cunha alta carga simbólica, concíbese a modo de árbore, que dende a terra ascende cara ao ceo.

A obra será moi importante no ámbito de conservación dos bordes naturais na cidade de Medellín, xa que protexerá un cinturón verde e permitirá rescatar os rasgos naturais do territorio, ameazados polo avance da urbanización. Así, a idea do Campo Santo de Villatina camiña na dirección de aplicación de estratexias de participación comunitaria dirixidas cara o respecto e conservación de valores ambientais e ecolóxicos, presentes nestas áreas.

Entre os criterios que se tiveron en conta á hora de seleccionar o proxecto gañador, non só figuraron aqueles relacionados coa calidade dende un punto de vista estritamente arquitectónico ou urbanístico, senón aqueles que se relacionan cunha maior calidade de vida das persoas, as melloras ambientais ou os que aseguran o equilibrio entre tradición e innovación urbanística.

Mencións especiais do xurado
O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana decidiu tamén mencionar de forma pública, destacando a súa calidade, os seguintes proxectos:

- Proxecto de construción e posta en valor da zona patrimonial de Paredones (Chile), localidade histórica afectada polo terremoto do 27 de febreiro deste ano 2010.

- Proxecto do Parque da Constitución Nacional, na cidade Santa Fe de la Vera Cruz (Arxentina).

O Premio Santiago de Compostela de Cooperción Urbana está creado e organizado polo Consorcio de Santiago e conta co apoio loxístico da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) do Ministerio de Asuntos Exteriores e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Pretende recoñecer e estimular iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e mellora de espazos urbanos. Dende a súa primeira convocatoria en 2007, xa se teñen presentado ao premio un total de 123 proxectos procedentes de practicamente a totalidade de países de América Latina.

O xurado do premio está formado polo arquitecto Xerardo Estévez en calidade de presidente, e como vogais Nuria Sanz Gallego, da UNESCO; o enxeñeiro Manuel Herce Vallejo; e os arquitectos María Luisa Cerrillos Morales, Javier Ramos Guallart, Francisco López Morales e Juan Luis Isaza Londoño.

Edicións anteriores
A primeira edición do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana (2007) permitiu que os veciños da capital de El Salvador conten cun novo espazo público, grazas á intervención na praza de San Esteban de San Salvador, ubicada no centro histórico da cidade. A súa execución está a contribuir á posta en valor dun espazo público representativo, de gran valor simbólico para a cidadanía. Un espazo no que se pretenden desenvolver actividades de carácter relixioso, cultural, social e comercial, contribuíndo deste xeito á mellora da convivencia entre os cidadáns.

O proxecto gañador da segunda edición, a rehabilitación do Mercado Municipal de Gracias, en Lempira (Honduras), aínda está en execución ao igual que a idea gañadora do ano pasado, o proxecto "Muralla Abierta", de Montevideo. Estas obras de rehabilitación no corazón da capital uruguaya poñerán en valor un importante treito da muralla de época colonial española ao incluíla nun novo espazo de convivencia conformado por unha praza cuberta e diferentes salas de usos culturais, tales como unha biblioteca, varias escolas-taller ou un anfiteatro.

Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana
As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, recompilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Este arquivo estará a disposición pública na sede do Consorcio de Santiago, podendo ser utilizado polos participantes de cada convocatoria. Trátase non só de establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento, senón tamén contribuir á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana e de difusión da imaxe de Santiago no ámbito latinoamericano.

Compartir: