XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adscribe a TUSSA o servizo de aluguer de bicicletas

02/11/2010 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno acordouse, entre outros asuntos, que o servizo de aluguer de bicicletas quede adscrito á empresa municipal TUSSA polo período dun ano, prorrogable por outro. Tamén se decidiu autorizar a redacción dun modificado do proxecto das pistas de tenis e pádel en Sar e a solicitude dunha prórroga para esta obra.

Coa adscrición temporal, a empresa TUSSA farase cargo da xestión dun servizo de aluguer de bicicletas composto por 50 bicicletas e 7 puntos de préstamo, con 12 prazas de estacionamento cada un deles. Os bens acadan un valor de 70.702 euros. A adscrición non alterará a titularidade municipal dos bens.

Modificación e prórroga
O Goberno local tamén autorizou a redacción do proxecto modificado de construción de pistas de tenis e pádel, incluído Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010). O importe a maiores é de 52.354 euros. Dada esta modificación, tamén se solicitará á Dirección General de Cooperación Local unha prórroga do prazo para a finalización dos traballos de tres meses.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, eleváronse a definitivas tres adxudicacións, a da fase II do proxecto de restauración do Monte de Deus, por 101.997 euros; a das obras de remodelación da área de xogos infantís de Belvís, por 99.932 euros; e a do subministro e instalación de equipamento dun circuíto biosaudable en Fontiñas, por 60.551 euros.

Benestar Social
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a concesión inicial de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller para o ano 2010. Concedéronse as seguintes axudas: Asociación de Mulleres A Lagoa, 1.420 euros; Marcha Mundial das Mulleres, 1.420 euros; Vogalía de Muller da A. VV. Camiño de Santiago, 1.520 euros; Vogalía da Muller da A. VV. A Xuntanza, 520 euros; Vogalía da Muller da A. VV. As Brañas de Andrés, 1.520 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago, 920 euros; Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, 1.620 euros; Federación Autismo Galicia, 1.320 euros; Vogalía da Muller da A. VV. Ponte do Romaño, 1.520 euros; Asociación de Mulleres Progresistas Alba, 1.620 euros; Asociación Plataforma polo Emprego, 1.320 euros; Asociación de Empregadas do Fogar Xiara, 1.420 euros; Asociación Galega de Síndrome X Fráxil, 1.420 euros; Mámoa, Asociación Galega de Prolactación, 1.420 euros. As subvencións totalizan 18.980 euros.

Documentos relacionados



Compartir: