EDUCACIÓN

Educación colabora na organización dun curso sobre cine documental e historia dirixido ao profesorado

16/01/2006 O curso, organizado por Nova Escola Galega e a Asociación Cultural Sine Nomine, conta coa colaboración do Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, o Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, a Fundación 10 de Marzo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que homologa as sesións como formación do profesorado.

Ao acto de presentación do curso de formación "Cine documental e historia", que tivo lugar o martes 17 de xaneiro ás 12.30 horas, asistiron Elvira Cienfuegos, concelleira de Educación e Mocidade do concello de Santiago, e os coordinadores do curso, Xosé Manuel Malheiro (Nova Escola Galega) e Heladio Anxo Fernández Manso (Asociación Cultural Sine Nomine).

Os asistentes ao curso, cincuenta profesores de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais de Ensino Secundario da comarca compostelá participarán de cinco sesións na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, que darán comezo ás 18 horas.

O 19 de xaneiro celebrarase unha sesión sobre Franquismo e represión, onde se proxectará o documental Muerte en el Valle, presentado por Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Rematado o visionado, María Xesús Souto, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá unha conferencia sobre a represión na Galicia do franquismo.

A sesión do 26 de xaneiro de 2006 versará sobre o movemento obreiro. Proxectarase a película Carrilanos, presentada polo realizador do documental, Rafael Cid. A conferencia posterior correrá ao coidado de Antonio Míguez, do departamento de Historia Contemporánea da USC.

O 3 de febreiro Margarita Ledo, catedrática da USC e directora de Santa Liberdade, presentará o seu filme. A continuación haberá un coloquio con dúas vítimas históricas da ditadura: Manuel Amor Deus e Xesús Redondo Abuín.

A cuarta sesión, baixo o título "Tempos de wolfram, tempos de fame. Primeiro franquismo e economía", que terá lugar o 9 de febreiro de 2006, xirará en torno ao documental A memoria nos tempos do wolfram, presentado polo seu realizador, Antonio Caeiro. Despois da película, o catedrático da USC Xan Carmona, disertará sobre a economía galega no primeiro franquismo.

Na quinta e derradeira sesión (16 de febreiro de 2006), que tratará sobre a muller no franquismo, os asistentes poderán ver o documental, Els nens perduts del franquisme, presentado por Mercedes González, profesora de Ensino Secundario especialista na historia da muller, que tamén moderará a mesa redonda na que estarán presentes dúas mulleres claves na loita antifranquista: Marta Marroquí e Margarita Rodríguez.

Compartir: