EDUCACIÓN

Pónse en marcha a V Campaña de Animación á Lectura

17/03/2005 Por quinto ano consecutivo, ábrese a campaña de Animación á Lectura, promovida polo Departamento de Educación e Mocidade e Kalandraka Editora, en colaboración coa Galería Sargadelos.

A concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, xunto ao director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros, presentaron a nova campaña de Animación á Lectura, que baixo o lema de "Palabras no Bosque", alberga diferentes propostas dirixidas ao profesorado, aos nenos e aos pais.

A Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16), acollerá diversos talleres de ilustración, charlas, sesións didácticas, encontros con escritores e ilustradores, entre os que estarán Xosé Ballesteros e Kiko da Silva, e unha exposición de ilustracións orixinais dos libros da editorial Kalandraka.

A campaña dará comezo cunha sesión formativa e de presentación para o profesorado, "Animar a ler é cousa de todos", que terá lugar o mércores 30 de marzo ás 18 horas na Galería Sargadelos, onde se facilitará o material didáctico da campaña para este curso escolar.

O ano pasado, uns 4.500 nenos de Santiago e dos concellos limítrofes participaron nesta Campaña. Os centros de ensino que queiran participar na presente edición haberán de dirixirse ao Departamento de Educación do Concello.

Compartir: