EDUCACIÓN

Os sete principais concellos de Galicia fixan a súa posición común en materia educativa ante a Administración autonómica

28/10/2010 Como resultado da convocatoria realizada polos Concellos de Vigo e de Santiago, representantes das cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol mantiveron a primeira das xuntanzas coas que se da por constituído un espazo estable de reflexión e de acción conxunta arredor de diferentes temas educativos.

Concelleiros e técnicos responsables desta área debateron amplamente sobre temas educativos que nos próximos meses deberán ser obxecto de propostas de resolución que redunden nunha mellor atención das demandas de educación que, ao seu xuízo, a sociedade galega reclama cada vez cunha maior esixencia.

Na xuntanza chegouse a un conxunto de acordos que van marcar a axenda política dos concellos e que se remitirán á Xunta de Galicia como administración competente na materia. Así, e xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández, falouse do estado, prioridades e perspectivas do Pacto Local no tocante á educación. Este valorou a iniciativa, coincidindo na necesidade expresada polos concellos presentes por constituírse nunha Comisión de debate e propostas educativas, e comprometeuse a canalizalas. Neste senso, acordouse trasladarlle os acordos que no terreo da educación desde os concellos se consideren prioritarias para que sexan incluídas na próxima Comisión Executiva da FEGAMP e, se é o caso, trasladadas á Comisión de Seguimento do Pacto Local que proximamente celebrará a correspondente sesión de traballo.

Así mesmo, coincidiuse na necesidade de establecer un programa formativo no ámbito da educación dende os concellos, na liña das experiencias desenvolvidas como resultado dos convenios establecidos entre o Ministerio de Educación e Ciencia e a Federación Española de Municipios e Provincias, sen esquecernos doutras iniciativas moi exitosas impulsadas por outras institucións do ámbito da administración local de España.

Modernización das infraestruturas
Respecto da preocupación dos concellos polos plans de construción, reforma, ampliación e mellora dos centros de ensino públicos do nivel de educación infantil e primaria, os concelleiros consideran imprescindible a elaboración pola Xunta de Galicia dun Plan de Modernización das infraestruturas educativas que, de maneira planificada, dea resposta ás necesidades que a rede escolar de Galicia ten, seguindo criterios de prioridade e eficiencia.

Ademais, quixeron deixar constancia do malestar pola ausencia reiterada desta planificación e da imprescindible coordinación da Consellería de Educación cos municipios galegos respecto deste tema, cando son as corporacións locais as principias interesadas na execución das obras nos edificios escolares, xa que son os Concellos logo os que os reparan e os manteñen. Consecuentemente, consideran necesario e urxente avanzar na delimitación de funcións e competencias no que ten que ver coa intervención municipal neste e noutros ámbitos.

Escolas infantís
Nesta primeira reunión tratouse dunha maneira especial o papel dos concellos na xestión e financiamento das escolas infantís 0-3. Os responsables municipais de educación estiman urxente a revisión dos modelos de xestión vixentes para esta etapa educativa, dada a multiplicidade de fórmulas existentes e a insatisfacción xeneralizada. Así, esixen que sexa a Consellería de Educación e non a de Traballo e Benestar, a que ordene este nivel educativo e busque acordos cos concellos para a mellor prestación deste servizo público educativo.

Apertura fóra do horario lectivo
Dada a súa urxencia, os Concellos trasladaranlle á Consellería de Educación o rexeitamento máis rotundo da Orde que regula as subvencións para o cofinanciamento do programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo nos termos establecidos nesta convocatoria.

Manifestan que os concellos si están realmente preocupados por colaborar en programas que respondan ás necesidades de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, como se pode comprobar na inxente cantidade de equipamentos, servizos, programas e actividades que ao longo dos anos se teñen posto en marcha. Recordan que Xunta de Galicia ten a competencia e os recursos para colaborar neste cometido, pero que debe ser obxecto de debate previo e consenso coa administración máis próxima ao cidadán.

Os concelleiros indicaron que non aceptan a dinámica establecida os conduza ao desencontro e a incomprensión cos diferentes colectivos cidadáns, nomeadamente ANPAS, asociacións de veciños e comunidades educativas. Por iso, os Concellos reivindícanse como Cidades Educadoras, con proxectos de cidade que de maneira transversal dean satisfacción as necesidades crecentes de formación ao longo de toda a vida.

Os concellos integrados agora neste grupo de traballo quedaron emprazados para a seguinte reunión, que terá lugar en Vigo o 18 de novembro.

Compartir: