PLENO

O Concello expresa a súa desconformidade coa nova Lei de Augas de Galicia e coa supresión do Noitebús

28/10/2010 O Pleno da Corporación aprobou unha proposición de desconformidade coa nova Lei de Augas e co canon que esta establece. Tamén se manifestou contra a supresión do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer.

Cos votos favorables do Grupo de Goberno, aprobouse unha moción do BNG na que se manifesta a desconformidade do Pleno coa nova Lei de Augas de Galicia. As razóns para este pronunciamento é que a Lei "implica un incremento desmesurado da carga impositiva na situación actual de crise (especialmente gravoso para o medio rural), e non garante unha fiscalidade progresiva". Tamén se indica que a norma "non regula e ordena as peculiaridades dos usos e do acceso á auga en Galicia e non se garante que a auga sexa un servizo universal para os galegos e galegas", ademais de que "non recolle todos os preceptos da Directiva Marco da Auga".

Na proposición apúntase que "o novo texto substitúe o actual canon de saneamento por dous novos tributos, o canon da auga e o coeficiente de vertido, coa única intención de aumentar a recadación a costa de familias e particulares". Entre outras eivas, destácase tamén que "a lei non adopta ningunha medida que veña a incentivar o aforro de auga, nin nos usos domésticos nin nos outros, e por riba establece unha cota para todos os fogares aínda que non teñan consumo de auga".

O alcalde pechou o debate sobre esta cuestión indicando que "xa que Santiago e a conca do Sar é competencia do Estado e xa que a cidade non vai recibir nada por un servizo no que a Xunta non está, oxalá esta se anime a participar no seu financiamento".

Outra moción do BNG aprobada polo Pleno, cos votos a favor do grupo propoñente e do PSdeG-PSOE, foi a de "instar á Xunta de Galicia a manter e mellorar o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebus)". "A demanda que rexistrou desde a súa posta en funcionamento dan boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir", indícase na proposición.

A terceira das proposicións aprobadas, neste caso co pronunciamento favorable de BNG e PP, foi a presentada por este último grupo para que "non se incremente o custo da peaxe da AP-9 por mor da ampliación da mesma, e se manteña a gratuidade do tramo Santiago Norte – Santiago Sur". O PSdeG-PSOE votou en contra, por considerar que está garantida polo Ministerio de Fomento a gratuidade do tramo urbano da AP-9 e porque a decisión sobre o financiamento se tomará en 2014.

Ordenanza de ruídos
Tras a resolución dunha alegación que por erro non se incorporara e analizara anteriormente, ratificouse definitivamente cos votos favorables do Grupo de Goberno e o negativo do PP a modificación da ordenanza municipal reguladora da emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais.

A nova Ordenanza de emisión de ruídos, vibracións e condicións do locais supón a modificación de varios artigos co obxecto de adaptalos ás normas vixentes. Os cambios teñen varios obxectivos: clarexar cuestións que suscitaban problemas interpretativos; corrixir carencias en materia de elementos como fíos musicais, aire acondicionado ou fumes; suprimir esixencias de difícil cumprimento dadas as limitacións nas intervencións na Cidade Histórica en fachadas e illamentos; e incorporar avances producidos nos materiais de insonorización, entre outros aspectos. Tamén hai modificacións no prazo das licenzas e nas esixencias de tamaño para determinados usos comerciais no Casco Histórico.

Felicitación a El Correo Gallego
Finalmente, o Pleno tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional para felicitar ao xornal El Correo Gallego e ao seu director, José Manuel Rey Novoa, pola concesión ao periódico do premio de deseño ÑH7 na categoría de diario mellor deseñado da Península Ibérica na categoría de vinte mil a sesenta mil exemplares. Tamén lle foi outorgada Medalla de Prata ao mellor redeseño, e unha segunda das mesmas características á portada publicada o 28 de maio deste ano dedicada á chegada do iPad a España.

Compartir: