AUDITORIO DE GALICIA

Gran actuación da Orchestra of the Age of Enlightenment e a Cappella de Amsterdam

18/01/2006 O prestixioso dirrector Gustav Leonhardt dirixirá o concerto The Age of the Enlightenment o mércores 18 de xaneiro, ás 21.00 horas, no Auditorio de Galicia.

O programa, dedicado integramente ao compositor H. Purcell (1659–1695), permitiranos escoitar a Oda para o aniversario da Raiña Mary e Odas para o día de Santa Cecilia, baixo a dirección do mestre Gustav Leonhardt .

A venda de entradas anticipada pode facerse a través de www.caixagalicia.es e no teléfono 902 434 443. O día 17 de xaneiro e o mesmo día do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12 a 14 e de 17 a 20 h. Ambos días e en idéntico horario funcionará o servizo de venda telefónica nos teléfonos 981 571 026 e 981 573 979 baixo a modalidade de pago con tarxeta. Prezo 18 euros. 9 euros estudantes e xubilados.

Gustav Leonhardt é coñecido en todo o mundo como "o clavecinista por excelencia". Durante moitos anos foi profesor no conservatorio Sweelinck en Amsterdam. En 1969 e 1970 ocupou unha cátedra na Universidade de Harvard. Hoxe en día é tamén organista na Nieuwe Kerk de Ámsterdam. Ten actuado en todos os países europeos e en Estados Unidos, Xapón e Australia. En 1967 interpretou o papel de J. S. Bach na película de J. M. Straub Crónica de Anna Magdalena Bach. Dirixiu a maioría das principais orquestras barrocas. Realizou máis de 200 gravacións que inclúen practicamente toda a obra de Bach e dirixiu producións de óperas de C. Monteverdi e J. Ph. Rameau. Foi galardoado co Premio Erasmus en 1980 e nomeado Doutor Honoris Causa en 1983, 1984, 1991, 1998 e 2000, polas Universidades de Amsterdam, Dallas, Harvard, Metz e Padua.

A Orchestra of the Age of Enlightenment (OAE) é unha orquestra florecente que ofrece concertos plenos de enerxía creativa. Segue sen ter un director... pero dous grandes homes foron nomeados directores principais invitados: o especialista holandés en barroco e clasicismo, Frans Brüggen e o sempre inquedo Sir Simon Rattle. Actualmente xoga un papel crucial na presenza da interpretación con instrumentos e criterios históricos dentro do corazón do mundo musical e continúa impresionando aos públicos de todas as idades e niveis coa súa extraordinaria maneira de tocar, a súa dinámica, o seu refinamento e, sobre todo, ca súa personalidade.

A Cappella Amsterdam é un coro profesional de cámara que foi fundado en 1970. En todos estes anos, baixo a dirección de Daniel Reuss, o conxunto ocupou unha posición destacada tanto no campo da música antiga coma no repertorio moderno e contemporáneo. Un dos obxectivos do grupo é ofrecer a un público amplo música coral, especialmente a de compositores holandeses antigos e novos.

Os solistas son: Johannette Zomer, soprano. O seu repertorio, comeza coa música medieval (Cantigas de Santa María) percorre toda a música do barroco e clasicismo, incluíndo a ópera pero tamén o Lied (Schubert), pasa polo romanticismo francés (Requiem de Fauré) e alcanza a música contemporánea. Esta versátil cantante actuou con especialistas do barroco como Philippe Herreweghe, Ton Koopman, Frans Brüggen, René Jacobs, Reinhard Goebel e Paul McCreesh.

Michael Chance, contratenor. Goza de reputación mundial como un dos máximos expoñentes da voz de contralto masculina en todos os aspectos do repertorio habitual, a ópera, o concerto e tamén no campo das gravacións. As súas interpretacións tanto en oratorio como en recital levárono ás salas de concerto de todo o mundo, incluído o Carnegie Hall, o Concertgebouw, a Musikverein, a Neue Gewandhaus e a Filharmónica de Berlín. Traballou tamén baixo a dirección de Trevor Pinnock, Frans Brüggen, Ton Koopman e Nicholas McGegan.

Charles Daniels, tenor. O seu repertorio abarca desde o século IX ata hoxe en día. Fixo máis de sesenta gravacións como solista, incluindo O Mesías de Haendel co Gabrieli Consort, as cancións de Dowland, Alexander de Haendel co King's Consort, The Beggar's Opera, Conto de Nadal de Schütz, a Misa de Santa Cecilia de Haydn coa Orquestra e Coro Gulbenkian, Oratorio de Pascua de Bach co Taverner Consort, Airs de Cour con Catherine King y Jacob Heringman, el disco titulado "Occasional songs", de Handel con Emma Kirkby e máis de vinte discos de música de Purcell, a maioría de eles con The King's Consort.

Maarten Koningsberger, barítono. É un dos máis cotizados barítonos holandeses con proxección internacional. Cantou óperas de Debussy, Monteverdi, Mozart, Offenbach, Menotti, Maderna, Poulenc, Rameau, Strauss e outros.Traballou con directores como Jeffrey Tate, Gennady Rozhdestvenski, Hans Vonk, Lucas Vis, William Christie, Arnold Östman , Ed Spanjaard, Ton Koopman e Reinbert de Leeuw.

Harry van der Kamp , baixo. No mundo da música barroca Harry van der Kamp ten unha gran reputación como baixo-barítono. Os seus trinta anos de carreira levárono a actuar practicamente en todo o mundo, desde Nova York a Pekín, e cos principais especialistas do barroco - Nicolaus Harnoncourt, John Eliot Gardiner, Gustav Leonhardt, Franz Brüggen, Ton Koopman, William Christie, Sigiswald Kuijken, Jos van Immerseel e Philippe Herreweghe. É un dos cantantes de ensemble vocal máis importantes e actuou co Hilliard Ensemble, Huelgas Ensemble, Capella Ducale, Les Arts Florissants, Cantus Cöln, Concerto Vocale (Rene Jacobs) e co Weserrenaissance Ensemble de Bremen.

Compartir: