ALCALDÍA

O Concello colabora coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela mediante a achega de 8.500 euros

28/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, José Antonio Pais, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega á asociación 8.500 euros para o desenvolvemento das súas actividades.

Este convenio establece o marco de colaboración para o Servizo de intérprete de linguaxe de signos e guía intérprete de persoas xordocegas. Para levar a efecto este servizo, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela contará cun/cunha intérprete que prestará servizos de interpretación de L.S.E (Linguaxe de Signos Española) á entidade, e en todos aqueles organismos centros, etc, que así o soliciten, para deste xeito contribuír a fomentar a eliminación das barreiras de comunicación no municipio.

Así mesmo, a Asociación, con base nesta colaboración, atenderá as demandas que lle sexan remitidas pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Así, destacou o alcalde que permitirá a participación dun intérprete en actos públicos que realice o Concello.

Os obxectivos operativos do servizo son:

1. Favorecer autonomía persoal das persoas xordas e xordocegas e a eliminación de barreiras de comunicación.
2. Favorecer a independencia das persoas xordas e xordocegas para a toma das súas propias decisións.
3. Dar facilidades de acceso á información, eliminando as barreiras de comunicación existentes.
4. Favorecer a igualdade de oportunidades.
5. Fomentar a participación das persoas xordas e xordocegas.
6. Desenvolver memoria explicativa con táboas estatísticas dos servizos cubertos.

O servizo está dirixido a persoas xordas, familiares, entidades públicas e privadas, profesionais e todos aqueles que o precisen, para favorecer a comunicación en xestións imprescindibles para o desenvolvementos dunha vida cotiá normalizada, dentro do Concello de Santiago de Compostela. O número aproximado de beneficiarios directos será de 300 persoas.

Compartir: